Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo contará cunha nova senda costeira en Vilaselán e Piñeira

Ribadeo, 27 de outubro de 2022. O Concello está a crear unha senda costeira entre a praia de Rochas Brancas e a depuradora nova en Vilaselán e un treito mais en Piñeira, na zona de Areosa. Deste xeito procede a ampliar varios treitos do Camiño Natural do Cantábrico. En total son 8,6 hectáreas de ámbito de actuación. Esta nova senda costeira terá unha lonxitude de 1,7 quilómetros.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “nestes días estamos tamén executando unhas actuacións moi agardadas, moi planificadas, moi complexas de tramitación pero ao final, moi importantes para Ribadeo. Imos ampliar varios treitos do Camiño Natural do Cantábrico así como actuacións de conservación da natureza, eliminando eucaliptais en zonas de afección de costas así como outras especies invasoras. Logo, seguirá coa repoboación con especies frondosas propias do noso entorno como estamos facendo na ribeira da Ría de Ribadeo nestes últimos anos”.

O rexedor contou que “en total imos actuar en 8,6 hectáreas nas zonas costeiras das parroquias de Vilaselán e Piñeira e ampliaremos en 1,7 quilómetros o Camiño do Cantábrico, posto que este sendeiro costeiro non estaba unificado xa que ás veces había que ir pola estrada asfaltada. Agora, o Concello creará unha senda costeira desde Rochas Brancas ata despois da depuradora nova de Vilaselán e un treito mais en Piñeira, na zona de Areosa”.

Suárez Barcia dixo que “para levar a cabo este proxecto solicitamos unha subvención de 77.370 euros á Reserva de Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Para iso levamos tempo traballando con técnicos municipais e con outros; e logramos compromisos de propietarios, que nos cederon voluntariamente superficies para que este proxecto tivera continuidade e facer esta senda costeira. Agora pretendemos darlle á cidadanía a posibilidade de descubrir este entorno, este lugar da costa que é marabilloso, dunha maneira accesible”.

O alcalde ribadense engadiu: “foinos concedida unha axuda económica por sermos Reserva da Biosfera, e a través de fondos europeos, tramitada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural. A obra foi licitada e adxudicada á empresa Foresga”.

Fernando Suárez subliñou que “é unha actuación moi importante e ambiciosa para a natureza, evidentemente, para o entorno de Ribadeo e para que a xente coñeza esta zona tan fermosa, que se suma ás que fixemos e ás que estamos a facer no noso Concello”.

Exit mobile version