Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha compañía de carga de vehículos eléctricos instalarase no parque empresarial de Ribadeo

Ionity adquiriu unha parcela que conta cunha bonificación do 35%

Ribadeo, 5 de outubro de 2022. A empresa Ionity, dedicada á instalación de estacións de carga de vehículos eléctricos, situarase no polígono industrial de Ribadeo despois de que SEPES, entidade pública empresarial de solo adscrita ao Ministerio de Transportes, aprobara a adxudicación dunha parcela no parque empresarial ribadense. Isto é froito das xuntanzas que mantiveron en xaneiro e xuño deste ano con responsables de SEPES o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, que amosan a súa satisfacción pola implantación en Ribadeo desta nova iniciativa empresarial, anunciada hoxe.

A parcela vendida a Ionity, cunha superficie de 1.485 metros cadrados, contaba con una bonificación do 35 % sobre el prezo aprobado, medida implantada por SEPES a petición dos responsables municipais ribadenses, e o importe de adxudicación foi de 67.105 euros.

Atendendo á proposta do Concello de Ribadeo a entidade pública empresarial de solo puxo en marcha este ano dúas iniciativas comerciais pensadas especificamente para impulsar a implantación de empresas no parque empresarial de Ribadeo. Así, xunto á parcela agora adxudicada, SEPES aplicou a outras 13 a mesma bonificación do 35%. Son terreos de distintas tipoloxías e tamaños, para facilitar a instalación de diferentes proxectos. Esta promoción de bonificación dos prezos no polígono industrial de Ribadeo estará vixente cando menos ata o 31 de decembro de 2022.

O 28 de xuño o salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu unha xuntanza entre o director xeral de SEPES, Fidel Vázquez, e o seu equipo co o alcalde ribadense, Fernando Suárez; o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, varios empresarios e o xerente de Acisa, Jesús Pérez. Nese encontro SEPES presentou as novas axudas comerciais ás empresas interesadas en instalarse no polígono industrial.

O alcalde amosa a súa satisfacción tras a implantación desta nova empresa en Ribadeo: “estamos contentos de que o noso polígono, que está tan ben situado a carón da A-8, sexa o lugar elixido por empresas diversas para instalarse e operar desde aquí, desde Ribadeo, grazas ás medidas adoptadas por SEPES para poder ofertar unha serie de parcelas a un prezo razoable”.

Exit mobile version