Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé : “Con Sánchez, a provincia de lugo recibiu dos orzamentos do estado máis do triple de fondos que nos últimos 5 anos de Rajoy”

Co Partido Socialista, o gasto por lucense pasou de apenas 200€ no 2018 a en torno a 1.000€ no ano 2023, e o investimento dedicado anualmente á provincia multiplicouse por catro

Lugo, 11 de outubro de 2022. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou este martes que cos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2023, o Goberno de Pedro Sánchez “segue cumprindo con Galicia e coa provincia de Lugo, como vén facendo dende que comezou a gobernar no ano 2018”. “En momentos tan complexos, tanto pola pandemia, como polo volcán da Palma e agora pola guerra de Putin en Ucraína, fai uns Orzamentos investidores e profundamente sociais para continuar avanzando nas infraestruturas, e para garantir e fortalecer o noso Estado de Benestar”, asegurou.

José Tomé compareceu para ofrecer a valoración dos socialistas da provincia sobre os Orzamentos do Estado acompañado da Secretaria de Organización na provincia, Pilar García Porto; dos deputados no Congreso Ana Prieto e Javier Cerqueiro; e do Senador César Mogo.

Tanto o presuposto do 2023, como os tres que aprobou anteriormente o Executivo de progreso de Sánchez, “demostran a diferencia abismal que existe entre o compromiso do Partido Socialista coa nosa provincia e o que tiña o Partido Popular, en dous aspectos, no nivel de investimentos consignados nos Presupostos e no nivel de execución, explicou José Tomé, quen puxo “exemplos claros” ao respecto.

Desta forma, lembrou, durante os 5 anos de Goberno de Pedro Sánchez, a provincia de Lugo recibiu dos Orzamentos do Estado máis do triple de fondos que nos últimos 5 anos do Goberno do Partido Popular con Rajoy (334M€ entre 2014 e 2018, fronte a 1.143M€ entre 2019 e 2023).

Así mesmo, co Partido Socialista, o gasto por habitante na provincia pasou de apenas 200€ no ano 2018 con Rajoy a en torno a 1.000€ no ano 2023 con Pedro Sánchez, que multiplicou por catro o investimento anual destinado á provincia de Lugo nos Orzamentos do Estado entre o ano 2018 e este ano 2023 (pasando de 68,7 a máis de 300M€).

Lugo terá Alta Velocidade
En canto ao nivel de execución, o Secretario Xeral dos socialistas na provincia tamén puxo “exemplos moi gráficos” do distinto nivel de compromiso do PSOE e do PP. “Entre os anos 2014 e 2017, o Goberno de Rajoy, con Ana Pastor como Ministra, deixou sen executar máis da metade do investimento previsto para o AVE. Paralizou ata 18 contratos. Entre eles, anulou o da Estación Intermodal de Lugo, e logo houbo que pagarlles indemnizacións millonarias ás empresas adxudicatarias”.

Fronte a isto, indicou que “co Goberno de Pedro Sánchez, o AVE chegou a Galicia, e Lugo terá Alta Velocidade, sen ningunha dúbida, porque aí están os feitos. A día de hoxe, está facendo un investimento histórico, de 546M€, para a electrificación e mellora da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense. De feito, o Adif xa ten licitado ou executado actualmente o 80% dos contratos para a modernización do trazado”. Polo tanto, “non é que haxa menos diñeiro para o ferrocarril na provincia que este ano, como escoito dicir ao PP, o que sucede é que, dos 546M€ que custa a modernización da vía, gran parte xa están en execución ou contratados, e ese diñeiro xa non figura no Orzamento, figura o que falta”.

“As mentiras do PP neste asunto non aguantan a realidade. Os mesmos que paralizaron as obras do AVE, dedícanse agora a mentir, sen vergonza ningunha, dicindo que a Alta Velocidade non chegará a Lugo. Dende logo que, co PP, a Alta Velocidade non chegou a Lugo. Os feitos falan por si mesmos. O Goberno ten mobilizados máis de 546M€ para que Lugo se incorpore á Alta Velocidade coa modernización e a mellora da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense, uns proxectos que concentran o maior investimento que está facendo o Goberno de España en Galicia en materia de infraestruturas, e que permitirán chegar a Madrid no mesmo tempo que A Coruña e que Vigo”.
“Hai detalles que revelan mellor ca nada a diferencia na maneira de actuar entre o Partido Socialista e o Partido Popular. Pedro Sánchez veu a Galicia en AVE para inauguralo. Rajoy foi inaugurar a ponte de Rande cando faltaban aínda meses para rematar as obras”, asegurou José Tomé.

A autovía a Santiago estará rematada no ano 2024
O Secretario Xeral dos socialistas lembrou así mesmo que entre os anos 2011 e 2015, “o Goberno de Rajoy só puxo en servizo 30 quilómetros da Autovía a Santiago (A-54), o que equivale a 6 quilómetros ao ano. Mentres, o Goberno de Pedro Sánchez executou dende o ano 2018 obras por valor de 332M€ nesta autovía, e nos Presupostos do 2023 están contemplados máis de 54M€ para seguir avanzando e tela terminada no ano 2024, cumprindo así co compromiso que manifestou recentemente en Lugo a Secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera”.

A Xunta ten paralizadas infraestruturas estratéxicas na provincia
A baixa execución de infraestruturas do PP no Estado repítese cando goberna na Xunta de Galicia, recalcou José Tomé, lembrando que o Goberno galego ten paralizados proxectos estratéxicos na provincia dende fai máis dunha década, como a segunda fase da Ronda Leste de Lugo, a VAC Costa Norte ou os accesos ao porto seco de Monforte.

Desta forma, asegurou o Secretario Xeral, “o Partido Socialista é a mellor garantía para que as infraestruturas desta provincia saian adiante”.

43M€ para estradas
En canto á mobilidade por estrada, José Tomé destacou que o investimento para vías de comunicación da provincia “ascende nos Presupostos do Estado a practicamente 43M€, o que representa unha subida do 14,5% con respecto a este ano 2022. Do total, case 18M€ son para conservación, o dobre do dedicado no último ano de Goberno do PP no Estado, cando nin chegaron a 9M€”.

O Goberno, destacou, destina máis de 54M€ para seguir avanzando na A-54; 2M€ para a A-74, de Ferrol a San Cibrao; e medio millón de euros para a variante de Monforte da A-76, entre Monforte e Babela

Con respecto ao viaducto da A-6, aclarou, “tanto os traballos previos ao derrube, como os que se están executando son actuacións de emerxencia, e lévanse a cabo con partidas extraordinarias aprobadas no Consello de Ministros, polo que non figuran nos Orzamentos”.

Neste sentido, reclamou á Conselleira Ethel Vázquez e ao PP “que deixen xa de intoxicar, e que se poñan a traballar dunha vez nas obras que son da súa competencia, que ten moitas, porque anunciar que a reconstrución dun quilómetro da estrada do Courel tardará ata o ano 2025, é dicir, tres anos despois do derrube, é un insulto”.

138M€ para ferrocarril
No apartado de mobilidade ferroviaria, o investimento previsto nos Orzamentos do ano 2023 para a provincia, expuxo o Secretario Xeral, “tamén é moi importante”. Chega aos 138M€, que se distribúen fundamentalmente entre as seguintes actuacións: 85M€ para a renovación e a electrificación da liña Lugo-Monforte-Ourense; 15M€ para a estación intermodal de Lugo; 1,5M€ para a renovación da liña de Feve, onde o Goberno xa ten mobilizados en conxunto máis de 20M€ para a automatización da rede, melloras na seguridade, e tamén para estacións e a creación de novos apeadoiros no tramo Ribadeo-Ortigueira; e 43,5M€ para a renovación da liña de conexión con León.

“Orzamentos profundamente sociais”
Ademais de “inversores”, destacou José Tomé Roca, os Orzamentos do Estado para o ano 2023 “son profundamente sociais, algo que beneficia de maneira directa e moi importante aos veciños e veciñas da nosa provincia”.

O Secretario Xeral dos socialistas en Lugo puxo de exemplo as pensións: “Na provincia de Lugo hai 114.000 pensionistas, e o Goberno vailles subir a pensión un 8,5%, conforme ao IPC, o que supón que un pensionista medio cobrará uns 80€ máis ao mes e 1.120€ ao ano”. O importe que no ano 2023 dedica o Estado ás pensións na provincia de Lugo supera os 103M€, de forma que “o impacto desta medida é enorme”, sinalou.

“O PP de Feijóo vota en contra da subida das pensións. Non defende aos xubilados, pero si baixarlles os impostos aos máis ricos”, recalcou Tomé Roca, incidindo tamén en que “atrás quedou aquela raquítica suba de Rajoy dun 0,25%. Costaba máis a carta que lles enviaba aos pensionistas para comunicarllo que a propia subida da pensión”.

Destacou tamén o Secretario Xeral a subida no conxunto do país en sanidade, dun 6,7%; en educación, dun 6,6% (400M€ máis para becas); en políticas de xuventude, dun 13%; a axuda de 100€ mensuais aos nais e pais con fillos menores de 3 anos; a prórroga de medidas como as axudas ao transporte; o bono cultural ou a consolidación do bono de alugueiro xoven. “E todo isto, complementado cunha fiscalidade máis xusta, progresiva e eficiente. Por certo, como está recomendando o Banco Central Europeo e a Comisión Europea, e en contra do que di o Partido Popular”.

“Que a Xunta dedique o récord de fondos do Estado a recuperar servizos”
O líder dos socialistas na provincia de Lugo puxo en valor que, cos Orzamentos do Estado aprobados polo Goberno, a Xunta de Galicia vai recibir no ano 2023 do sistema de financiación unha cifra récord de 9.402M€, o que supón unha subida dun 24% con respecto a este 2022.
“Os socialistas reivindicamos que o Goberno galego dedique eses recursos a recuperar os servizos públicos –a sanidade, a educación, a dependencia…- sobre todo no noso rural, que están sufrindo un deterioro evidente e moi grave dende que o PP goberna na Xunta de Galicia. E pedimos que non faga como cos fondos Covid, dos que deixou sen executar o 30% dos que recibiu, e dos que 159M€ que ían supostamente para sanidade non se saben onde foron a parar, nin queren dar explicacións”.

En definitiva, recalcou, “a provincia de Lugo ten no Goberno de Pedro Sánchez un aliado disposto a escoitar e que cumpre cos seus compromisos. Gustaríame poder dicir o mesmo algún día da Xunta de Galicia”.

Exit mobile version