Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé destaca a importancia que tería para a provincia de Lugo que as Deputacións opten ao marco de financiamento europeo 2021-2027

José Tomé Roca participou este luns no pleno da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrado este luns en Cáceres

Lugo, 3 de outubro de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou no pleno da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrado este luns na sede da institución provincial de Cáceres. No encontro, que contou coa presenza do Presidente de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, os presidentes e presidentas dos gobernos locais intermedios de todo o país abordaron a concorrencia e xestión de fondos europeos e a necesidade de reforzar a ciberseguridade.

José Tomé destacou a importancia que tería para unha provincia como a de Lugo, na que todos os concellos excepto a capital teñen menos de 20.000 habitantes, que se abrise a posibilidade de que as deputacións concorran directamente ao marco financeiro plurianual da Unión Europea 2021-2017 e xestionar estes recursos, porque, desta forma, a través das institucións provinciais, os municipios, sobre todo os máis pequenos, poderán beneficiarse destes fondos, aos que doutra maneira teñen moi difícil acceso, por capacidade técnica e económica.

“Dende as deputacións, cabildos e consellos insulares vimos reivindicando a oportunidade de participar, xunto ao Goberno de España e as comunidades autónomas, na xestión directa de fondos europeos. No marco de financiamento que está a punto de finalizar non se abriu esa porta, pero si no anterior período, demostrando a nosa gran capacidade e eficacia na xestión e cofinanciación para que realmente estes fondos cheguen a onde os veciños e veciñas o necesitan, porque somos a administración máis próxima e, polo tanto, a que mellor coñece o territorio”, explicou o Presidente.

“O reto demográfico e a loita contra o despoboamento pasa por dúas cuestións básicas, como son a dotación e mellora dos servizos públicos no medio rural e a creación de emprego, uns obxectivos nos que deben xogar un papel fundamental os fondos europeos e, para que sexan realmente útiles, as deputacións debemos ter capacidade de xestión”, engadiu o mandatario provincial.

Para tratar estas cuestións, o pleno da Comisión de Deputacións contou coa presenza da Secretaria Xeral de Fondos Europeos do Goberno do Estado, Mercedes Caballero.

Así mesmo, na reunión celebrada hoxe en Cáceres, os presidentes e presidentas abordaron a necesidade de reforzar a ciberseguridade nas propias institucións provinciais e nos municipios, e o papel que poden xogar neste asunto as propias deputacións, un asunto no que interviñeron Javier Candau e Carlos Córdoba, responsables do Centro Nacional de Intelixencia (CNI).

Tras a reunión da Comisión de Deputacións deste luns, o vindeiro 27 de outubro terá lugar en Vigo un encontro sobre políticas en materia de igualdade impulsadas polos gobernos locais intermedios. Os seguintes plenos deste órgano da FEMP do que forman parte as deputacións, cabildos e consellos insulares celebraranse o 6 de febreiro en Ourense e a mediados de marzo -o último encontro deste mandato-, en Madrid.

Exit mobile version