Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro conmemora o Día Mundial da Saúde Mental e apoia diferentes iniciativas para a súa mellora

Viveiro, 10 de outubro de 2022. O Concello de Viveiro súmase á hoxe, 10 de outubro, ao Día Mundial da Saúde Mental, unha data na que o Concello de Viveiro quere destacar a importancia de mellorar a atención sanitaria neste eido.

“A pandemia puxo en primeiro plano a importancia da saúde mental, a gran esquecida na atención sanitaria. Dende o Concello de Viveiro, comprometemos o noso apoio ás iniciativas relacionadas coa súa mellora”, recorda a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, en relación ao apoio do Concello á Asociación Saúde Mental A Mariña, entre outras asociacións.

Con motivo desta efeméride, o Concello de Viveiro anuncia que é un dos impulsores do Acordo pola Mellora da Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Galicia. Concretamente, a concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde, participou directamente na elaboración deste acordo, suxerindo medidas como a dotación de persoal especializado na atención primaria ou o reforzo dos equipos de orientación dos centros educativos, con equipos multidisciplinares que atendan as diferentes necesidades.

O obxectivo deste acordo é ofrecer propostas que melloren os servizos socio-sanitarios e educativos que participan no coidado da saúde mental. O documento recolle diferentes medidas, aportadas en numerosas sesións de traballo. O acordo inclúe medidas agrupadas en catro bloques: máis recursos (persoal, unidades, programas…), maior coordinación (para optimizar e compartir recursos), mellor prevención (como enfoque principal) e máis previsión (xestión para o futuro).

“Este acordo é froito do entendemento entre a sociedade civil e a gobernanza, con axentes implicados nos ámbitos sanitario, educativo social e familiar. Agardamos que sexa un punto de partida para aumentar a atención á saúde mental”, sinala Victoria Baamonde, concelleira de Benestar, poñendo en valor o traballo da Fundación Salma neste acordo.

Exit mobile version