Site icon Crónica3.com A Mariña

A Autoridade Portuaria colaborará coas actividades da Fundación Expomar

Burela, 11 de novembro, 2022. Dentro da rolda de reunións que a Fundación Expomar está mantendo con diferentes organismos do mundo da pesca, esta semana reuníronse en Ferrol o presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea.

A finalidade desta xuntanza, na que tamén participaron o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González ‘Brais’, e Pablo Fernández Asensio, membro do consello de administración da Autoridade Portuaria; foi abrir unha línea de colaboración entre ambas entidades para reforzar os seus vínculos coa feira Expomar.

Ademáis de axudar na difusión e promoción das diferentes actividades que a Fundación Expomar leva a cabo durante todo ano, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao confirmou a súa presenza na próxima edición da feira náutico Pesqueira Expomar cun stand de 50 metros cadrados no evento que se celebrará en Burela do 10 ao 13 de maio de 2023.

Os representantes da Fundación Expomar amosáronse moi satisfeitos de sumar este novo apoio de cara a unha nova edición da feira, a primeira despois da pandemia e que por primeira vez terá lugar de mércores a sábado. Debido á alta demanda de expositores, a superficie de exposición da feira ampliarase en máis de 1.200 metros cadrados con respecto á última edición, superando os 5.000 metros entre o interior da nave de redes e unha carpa anexa no porto de Burela.

A Fundación Expomar continuará mantendo novas reunións con outros organismos do mundo da pesca para promocionar e reforzar os seus vínculos coa feira Expomar, de cara a unha 19ª edición que agardan sexa a máis completa da súa historia.

Exit mobile version