Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleira do Mar clausurou este sábado as XXVI Xornadas de pesca de Celeiro nas que tamén participou cunha intervención relacionada co futuro da pesca en Galicia

Rosa Quintana insistiu en que o veto á pesca de fondo difire do equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais que defende a Política Pesqueira Común, que encomenda abordar o establecemento de áreas mariñas protexidas atendendo a estudos científicos

Viveiro, 26 de novembro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, apelou hoxe á unidade da cadea mar-industria na defensa dos seus intereses ante retos que afectan á súa competitividade e para “seguir demandando con forza” poder desenvolver a súa actividade. Así o sinalou durante a clausura das XXVI Xornadas de pesca de Celeiro, onde tamén fixo fincapé na importancia de eventos coma este para impulsar esa suma de sinerxías co fin de facer fronte aos retos de futuro da actividade marítimo-pesqueira.
Entre eles mencionou a descarbonización e transición enerxética cara a alternativas viables de combustible. Unha cuestión, incidiu, que se debe abordar de forma xusta, equilibrada e asumible. Tamén fixo referencia á protección dos ecosistemas mariños vulnerables, cuestión que se debe abordar tendo en conta o impacto na actividade marítimo-pesqueira.

En relación con este último asunto, durante a súa intervención relacionada co futuro da pesca en Galicia ante os retos da Unión Europea, Rosa Quintana puxo de relevo o caso do veto á pesca de fondo establecido pola Comisión Europea pois difire da necesidade de equilibrio entre os aspectos medioambientais e socioeconómicos que defende a Política Pesqueira Común (PPC). Neste sentido, a conselleira engadiu que a PPC encomendaba abordar o establecemento de áreas mariñas protexidas atendendo a estudos científicos.

Ademais destacou as aportacións realizadas pola comunidade galega ao Goberno central para fundamentar o recurso interposto ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Con todo, tamén insistiu en que Galicia considera necesario que solicite a suspensión temporal desta prohibición pois sería un bo respaldo para o sector e evitaría consecuencias como a caída de arredor do 50% nas descargas da frota e de máis do 20% no caso da facturación que reflicten os datos provisionais sobre o primeiro mes de restricións.

En canto á PPC, a titular de Mar detallou os cinco eixos estratéxicos que defende o ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca de cara a posible revisión desta folla de ruta da pesca europea. Estes son: a aposta pola remuda xeracional, o comercio pesqueiro xusto, unha pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.

A maiores, Rosa Quintana puxo en valor a importancia social e económica da actividade marítimo-pesqueira e o seu papel clave na economía. Nesta liña, lembrou que o sector do mar ten un volume xeral de produción e comercialización duns 9.000 millóns de euros, segundo reflicten as Táboas input-output pesca-conserva galegas 2019, elaboradas por encargo da Xunta ao grupo de investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais Ecopesca da Universidade de Santiago de Compostela. Estas táboas tamén dan conta, engadiu a conselleira, da influencia do sector do mar no resto de actividades da economía pois 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro.

As xornadas
As xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro son unha iniciativa da Organización de Produtores Pesqueiros de Celeiro (OPP-77), a Confraría de Pescadores e Puerto de Celeiro. Están dirixidas principalmente a axentes relacionados co mundo do mar e a pesca, entre eles, profesionais do sector pesqueiro, lonxas, exportadores, empresas de distribución e produción, administracións públicas, investigadores e científicos, estudantes e tamén ao público en xeral. Deste xeito, funciona como foro para abordar a actualidade e intercambiar opinións sobre a realidade marítimo-pesqueira.

Exit mobile version