Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación adxudica obras para renovar tres estradas provinciais en Barreiros por 150.000€

Trátase da LU-P-0605 e a LU-P-0606, que parten as dúas da Nacional 634 e que
conectan coa Casa de Otero e con Pedregás, respectivamente; e a LU-P-0607, que vai de Benquerencia ata a praia de Fontela

Lugo, 4 de novembro de 2022. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo adxudicou este venres as obras para renovar tres estradas provinciais no concello de Barreiros. Son a LU-P-0605 e a LU-P-0606, que parten as dúas da Nacional 634 e que conectan coa Casa de Otero e con Pedregás, respectivamente; e a LU-P-0607, que vai de Benquerencia ata a praia de Fontela. Así o anunciou esta mañá a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.

Concretamente, García Porto deu conta das melloras que se realizarán cun investimento conxunto de 150.000€ no inicio da vía da LU-P-0605, nun treito de 1,2 quilómetros; no tramo que vai desde o punto quilométrico 0,473 ó 0,707 da LU-P-0606; e nos primeiros 2 quilómetros da LU-P-0607. A adxudicataria dos traballos é a empresa Construcciones Isidro Otero, SL e o prazo de execución é de 2 meses.

“Estas obras son moi importantes para a parroquia de Benquerencia, pero tamén para a mobilidade do concello de Barreiros”, destacou a voceira provincial, que apuntou que as tres estradas son moi empregadas pola veciñanza e que son “froito do compromiso que temos na Deputación de Lugo coa mobilidade. Un compromiso que queda moi ben reflexado se nos fixamos no esforzo inversor que levamos feito, por exemplo, na comarca da Mariña en infraestruturas viarias, e que ascende a preto de 23M€, só no que vai deste mandato”.

Unha senda peonil en Guitiriz
A Xunta de Goberno tamén aprobou unha achega de 132.000€ para que o Concello de Guitiriz poida acondicionar e mellorar a accesibilidade do municipio coa implantación dun paseo peonil na rúa Manuel María. Unha actuación “moi importante para o municipio porque a rúa Manuel María dá acceso a varias casas e é unha das vías que conecta o centro de Guitiriz co Centro de Saúde, e a día de hoxe non conta cun espazo específico para o paso das persoas, polo que a obra redundará na mellora da seguridade e da comodidade dos viandantes”, explicou García Porto.

Xestión Tributaria, Recadación e Inspección
A Deputación tamén aprobou a adxudicación na Xunta de Goberno desta mañá do servizo de impresión, manipulado e entrega nas oficinas de Correos das comunicacións xeradas polo Servizo de Xestión Tributaria, Recadación e Inspección da Deputación de Lugo. O importe da adxudicación é de 75.458€ e a duración do contrato de dous anos, que poderán prorrogarse por outros dous, sen que a duración total poida exceder dos catro.

Exit mobile version