Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación promove en Ribadeo coa APEHL un curso de catas para afondar no coñecemento de viños de todo o mundo

A Deputada Mayra García Bermúdez inaugurou esta actividade, que se celebrará no Parador de Turismo de Ribadeo ata o día 29 de novembro

Lugo, 14 de novembro de 2022. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda e Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, participou este luns na inauguración da acción formativa Certificado en Cultura de Viños do Mundo, organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) grazas á colaboración da Deputación de Lugo. O Parador de Turismo de Ribadeo acolle as xornadas, que, nesta sexta edición, se celebrarán ata o día 29 de novembro, en seis sesións e cun total de 50 horas.

O apoio á organización deste curso para afondar no coñecemento de viños de todo o mundo e así promover o enoturismo enmárcase na achega económica que a Deputación destina á Asociación de Hostalería para fomentar a súa actividade con iniciativas e accións formativas para os profesionais hostaleiros e do sector turístico da provincia.

Mayra García Bermúdez destacou que “é un acerto promover actividades relacionadas coa cultura do viño pola importancia deste sector na provincia, cunha denominación como a Ribeira Sacra, que nos últimos anos vén gañando recoñecemento a escala nacional e internacional, que é recoñecida nas guías de referencia e que os mellores restaurantes inclúen nas súas cartas”, e porque se trata “dun produto ligado á gastronomía e con capacidade de dinamizar o turismo”. Un obxectivo, lembrou, que busca a Deputación con numerosas iniciativas, entre elas, o programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, as xornadas gastronómicas e de lecer Saborea a túa provincia, ou tamén o congreso sobre viños que organizou este pasado verán coa presencia de dous referentes no mundo vitivinícola, como son Luis Paadín e José Peñín Santos.

Os participantes catarán e coñecerán 40 viños internacionais nunhas xornadas útiles “para mellorar en cuestións como o marketing, a promoción ou o deseño do etiquetado”. “Compartir experiencias axúdanos a competir mellor e acadar máis presencia no mercado, polo que este curso está pensado, non só para hostaleiros, senón para bodegueiros e para amantes do viño”, sinalou a Deputada.

A acción formativa continuará mañá e os días 21, 22, 28 e 29 de novembro e inclúe unha viaxe á Ribeira Sacra centrada no enoturismo. Ademais, ofrecerase aos participantes catas para afondar no coñecemento dos viños galegos, do resto de España e do mundo e un taller personalizado de tradución de cartas gastronómicas ao inglés, con formación en venda orientada ao cliente internacional.

Exit mobile version