Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación remata con éxito a segunda tempada do programa Coñece a túa Provincia

Máis de 3.000 persoas de 136 asociacións beneficiáronse destas viaxes gratuítas, que elixiron entre 37 rutas polo territorio lucense

Lugo, 10 de novembro de 2022. A Deputación de Lugo remata este xoves a segunda tempada do programa Coñece a túa provincia coa participación de membros da Asociación Aliad Ultreia, de Lugo, que coñeceron os concellos de Pedrafita do Cebreiro e de Triacastela, e os escolares do colexio Lagostelle, de Guitiriz, que visitan en Monforte de Lemos a Torre da Homenaxe, o Centro do Viño da Ribeira Sacra e o casco antigo da cidade do Cabe.
Estes dous grupos poñen fin a unha nova edición deste programa de viaxes gratuítas que, nesta ocasión a institución desenvolveu en dúas quendas en primavera e outono, dada a gran demanda da anterior convocatoria.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou o éxito desta iniciativa, que contribúe de maneira importante a dar a coñecer entre a propia veciñanza lucense “a enorme riqueza patrimonial da provincia” e, ao mesmo tempo, “dinamizar os sectores turístico, hostaleiro e comercial, esenciais para a nosa economía, máis aló dos meses de maior afluencia de visitantes na provincia”, asegurou.

Nesta segunda tempada do Coñece a túa provincia da Deputación, beneficiáronse máis de 3.000 persoas de 136 asociacións. O programa provincial incluíu 37 rutas a elixir por toda a xeografía lucense. A Mariña e a Ribeira Sacra foron os destinos máis solicitados polas asociacións e entidades sen ánimo de lucro participantes. As viaxes contaron con guías profesionais, e todas partiron dalgunha das dependencias da institución provincial, como o Pazo de San Marcos, o Mazo de Santa Comba, a Granxa Gaioso Castro, ou a Produtora do Servizo de Audiovisuais.

Exit mobile version