Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta autoriza a colaboración co Concello de Cervo para impulsar a mellora da estrada das Quintás cun investimento de máis de 1M€

A Xunta achegará preto de 770.000 €, mentres que o Concello asumirá algo máis de 256.000 €, ademais de licitar e executar as obras

Compostela, 10 de novembro, 2022. O Consello da Xunta autorizou hoxe o convenio de colaboración co Concello de Cervo para impulsar a mellora da estrada das Quintás, que suporá un investimento de máis de 1 millón de euros.

A Xunta achegará preto de 770.000 €, mentres que o Concello asumirá o importe restante, algo máis de 256.000 €, ademais de licitar e executar as obras.

O obxecto do convenio é levar a cabo unha remodelación un treito de 382 metros da vía, entre a conexión coa estrada a Sargadelos, a CP-15-05, e o enlace coa rúa do Vilar a través da ponte sobre o río Xunco. Esa estrada, cunha anchura de 3 metros, carece na actualidade de beirarrúas e beiravías.

Con estas obras ampliarse a calzada desa vía coa finalidade de que funcione como vía de circunvalación do núcleo urbano de Cervo, minimizando o tránsito de vehículos polo centro urbano e, especialmente, polo casco antigo do municipio.

Así, a mellora deste estrada facilitará o acceso desde o núcleo urbano de Cervo e desde a estrada N-642 á aldea e ás fábricas de Sargadelos, complexo siderúrxico e cerámico catalogado como conxunto histórico debido ao seu valor cultural e etnográfico, con importancia turística no concello.

Está previsto reducir a sinuosidade do trazado desta estrada, ao adaptar a súa traza a radios más amplos e dotala dunha calzada de carrís de 3 metros, sempre acompañados de beiravías de largos variables en función da existencia de beirarrúas.

A remodelación incluirá a execución dun treito de novo trazado, reservando para a circulación dos peóns a ponte actual sobre o río Xunco. Esta nova estrada incluirá tamén beirarrúas na marxe leste, cunha sección de 2 metros que permite o paso de viandantes en ambos os sentidos.

Está previsto aproveitar para engadir sobreanchos que permitan que os autobuses que se dirixen ao conxunto histórico de Sargadelos poidan xirar sen perigo. Así obras facilitarán o acceso desde a N-642 a ese conxunto histórico, ademais de favorecer o acceso á residencia proxectada e ao centro de día do municipio.

As obras terán tamén en conta a reposición e ordenación dos servizos de electricidade e telecomunicacións cuxos postes se atopan colapsados e enredados.

No caso do saneamento, prevese a renovación da rede de pluviais, que permitirá que a auga non se asolague nas zonas chas e se poida conducir de maneira ordenada ata os puntos de vertido. Instalarase baixo a nova plataforma e sempre que sexa posible baixo a beirarrúa.

Con estas actuacións o Goberno galego, en colaboración co Concello de Cervo, trata de fomentar investimentos que melloren as infraestruturas viarias, coa finalidade de favorecer o desenvolvemento económico e social e achegar unha maior calidade de vida á cidadanía.

Exit mobile version