Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e o Concello de Cervo colaboran na mellora da estrada das Quintás, que favorecerá desprazamentos máis cómodos e seguros cun investimento conxunto de 1M€

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou hoxe o acordo co alcalde, Alfonso Villares , nun acto no que tamén participou o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias

Cervo, 19 de novembro de 2022. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, selaron hoxe na Casa do Concello o convenio de colaboración para a mellora da estrada das Quintás, que favorecerá desprazamentos máis cómodos e seguros aos veciños, cun investimento conxunto de 1 millón de euros. No acto de sinatura tamén participou o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Vázquez Mourelle destacou que, a través deste acordo, as administracións autonómica e local impulsan os traballos necesarios para mellorar esta estrada, reducindo o tránsito polo núcleo urbano, facilitando o acceso cara a Sargadelos e reservando a ponte sobre o río Xunco para o tránsito peonil e maior desfrute dos veciños.

Segundo indicou a conselleira, a Xunta, asume o custo das actuacións achegando un investimento autonómico de 769.000 €, co obxectivo de acadar unha mobilidade máis segura e accesible. Pola súa parte, o Concello de Cervo comprométese a redactar o proxecto, a contratar e executar as obras, ademais de achegar o 25% do financiamento restante, algo máis de 256.000 €.

Ethel Vázquez explicou que o obxectivo desta colaboración é actuar nun treito de preto de 400 metros, entre a conexión coa estrada a Sargadelos e o enlace coa rúa do Vilar a través da ponte sobre o río Xunco, un tramo que carece de beirarrúas e de beiravías.

Concretou que na intervención se ampliará a calzada co obxectivo de ofrecer unha vía de circunvalación que reduza o paso dos vehículos polo núcleo urbano da vila, especialmente polo casco antigo.

Deste xeito, subliñou, lograrase que os veciños gañen calidade de vida, ao rebaixar o tráfico de vehículos polo centro urbano, xunto cos ruídos e as emisións asociadas, ademais de favorecer desprazamentos máis cómodos e seguros.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade precisou que a mellora da estrada das Quintás facilitará o acceso desde o núcleo urbano de Cervo e desde a nacional (N-642) á aldea e ás fábricas de Sargadelos. Un lugar, segundo destacou, de visita obrigada, polo valor cultural e etnográfico deste complexo siderúrxico e cerámico, foco de atracción turística do concello.

Ethel Vázquez indicou que a intervención programada permitirá reducir a sinuosidade do trazado da estrada, adaptando a súa traza a radios máis amplos e dotándoa dunha calzada de carrís de 3 metros, con beiravías.

Apuntou que a mellora incluirá a execución dun treito de novo trazado, reservando para a circulación peonil a ponte actual sobre o río Xunco; novo trazado que incluirá tamén beirarrúas na marxe leste, con 2 metros de ancho, que permitirá o paso de viandantes en ambos os sentidos.

Na intervención aproveitarase para favorecer o tránsito dos autobuses que se dirixan ao conxunto histórico de Sargadelos, para que poidan xirar en condicións de maior seguridade. Para iso, engadiranse sobreanchos, que facilitarán o acceso desde a nacional cara a Sargadelos, ademais de favorecer o acceso á residencia proxectada e ao centro de día do municipio.

As obras incluirán traballos complementarios, como a reposición e ordenación dos servizos de electricidade e telecomunicacións, e a renovación da rede de pluviais, para que a auga non se acumule nas zonas chans e poder conducilas de xeito ordenado ata os puntos de vertido.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor o resultado da cooperación entre Xunta e Concello, logo de comprobar o efecto positivo das obras executadas na rúa Galdín, cun investimento de 660.000 €.

En relación coa actuación obxecto do convenio asinado hoxe, a conselleira salientou que a Xunta e o Concello de Cervo volven sumar esforzos para reforzar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos cotiás dos veciños, incidindo na súa calidade de vida e no reforzo das potencialidades turísticas do municipio, ao favorecer o acceso cara ese gran complexo cerámico de Sargadelos, de recoñecida sona internacional, subliñou.

Enmarcou este convenio na aposta que vén facendo a Xunta pola mellora das infraestruturas, tamén nos municipios máis pequenos coma Cervo, contribuíndo á calidade de vida dos seus veciños.

Exit mobile version