Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta quítalles a 291 granxas da Mariña as axudas por zona desfavorecida, advirte o SLG

En 2021 estas axudas tiveron un importe de 276.575,34 euros

A Mariña, 26 de novembro, 2022. Miles de explotacións labregas de toda Galiza ficarán sen un apoio económico contemplado na PAC que viñan percibindo até agora. Denunciamos que as axuda que pretende eliminar a CMR teñen como obxectivo precisamente evitar abandono de terras agrarias

A Consellería de Medio Rural (CMR) decidiu que no próximo período da PAC (2023-2027) non vai pagar a axuda para Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) en todos os concellos de Galiza clasificados como “distintos aos de montaña”, que si a viñan percibindo até o dagora. É a primeira vez, despois de moitos anos, que nos atopamos cunha exclusión intencionada, por parte do conselleiro José González Vázquez, dunha axuda que leva anos chegando ás granxas.

Resulta canto menos desagradablemente sorprendente que a Consellaría do Medio Rural, nun dos momentos mais críticos para os sectores agrario e gandeiro por mor da suba de custos de produción -que afecta a moitos factores esenciais para a produción agrogandeira, como a electricidade, o gasóleo, os fertilizantes ou os cereais-, decida impedir que milleiros de granxas galegas podan acceder a unha axuda á que teñen dereito dentro da Política Agraria Común (PAC). De feito, fronte a esta exponencial suba hai administracións que xa procuraron apoiar unha cuestión tan esencial como é a produción de alimentos con programas de axuda ás granxas e producións primarias. Pola contra, a Xunta de Galicia non só non saca novas liñas de axuda -como acontece por exemplo co sector da carne- senón que ademais atopámonos ca preocupante sorpresa de que lle quita axudas a milleiros de granxas que as viñan percibindo até o dagora.

Xa no periodo de consultas sobre a PAC, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) trasladamos á Consellaría do Medio Rural que, dado o seu destacado aporte na preservación da actividade gandeira en zonas con limitacións físicas, resultaba prioritario o mantemento das axudas a zonas con limitacións naturais e zonas con outras limitacións. A función deste orzamento é distinto ao resto das axudas da PAC, xa que teñen como obxectivo principal evitar o abandono de terras en determinadas zonas, supoñendo un instrumento específico de mantemento da actividade agraria e gandeira.

De xeito concreto na comarca da Mariña, esta restrición nas axudas públicas percibidas polas labregas e labregos implicará que 291 explotacións non van percibir esta axuda que en 2021 alcanzou a cifra global de 276.575,24 euros.

A distribución por concellos é a seguinte:

Dende o SLG esiximos á Consellaría do Medio Rural que corrixa inmediatamente esta medida, e non pervirta o verdadeiro obxectivo destes orzamentos públicos, respectando unha función tan esencial como é axudar a garantir a produción agroalimentaria, e fixar poboación, nas zonas con limitacións naturais.

Exit mobile version