Site icon Crónica3.com A Mariña

Bonec@s para reclamar pediatras en Viveiro

A mobilización terá lugar o próximo domingo 20 de novembro, coincidindo co día mundial da infancia, ás 12 horas

A Mariña 17 de novembro de 2022. A Plataforma Sanitaria da Mariña organiza unha concentración diante do centro de saúde de Viveiro o vindeiro domingo ás 12 horas para denunciar a falta de pediatras .

O acto reivindicativo, en formato de performance, consiste en que as veciñas e veciños acompañados das crianzas acudan ao centro de saúde cun boneco ou peluche; @s activistas do colectivo sanitario repartirán babeiros de papel para colocarlle aos bonecos cunha mensaxe reivindicativa. Depositarsanse os bonecos cos babeiros postos diante do centro sanitario.

Malia que a situación afecta a prácticamente todas as localidades, a situación máis grave está a darse nestes días en Viveiro, pois faltan os dous pediatras que atenden o centro de saúde. Neste centro aténdense máis de mil seiscentas crianzas e a carencia no servizo afecta tamén ás localidades veciñas de Ourol e Vicedo. A situación de desesperación levou a varias familias a denunciar a situación diante dos medios de comunicación e a contactar coa Plataforma Sanitaria para solicitar axuda.

O colectivo sanitario foi informado de que a primeira cita dispoñible para pediatra en Viveiro é para o día 2 de decembro e que se está a derivar ás crianzas cara ao servizo de urxencias ante a imposibilidade de ser vistas por un/ha facultativ@ en Viveiro. Segundo comenta a coordinadora da plataforma, Montse Porteiro, a situación é crítica e promovida polo desleixo continuado do Sergas e o goberno da Xunta durante trece anos,” que non puxeron os medios para solucionalo de xeito deliberado e formando parte dunha estratexia destrutora da sanidade pública dirixida á privatización da sanidade”. As palabras verquidas recentemente pola xerenta do Sergas advertindo que temos que acostumbrarnos a que non haxa pediatras nos centro de saúde son absolutamente escandalosas e “confirman o que vimos advertindo desde este colectivo en relación ao desmantelamento da sanidade pública, incidindo de xeito máis virulento sobre a Atención Primaria, xa que esta é a base do sistema sanitario; o desmantelamento deste nivel asistencial fará que a atención hospitalaria caia coma un castelo de naipes”- conclúen desde o colectivo.

A Plataforma Sanitaria tamén redactará reclamacións colectivas demandando cobertura dos pediatras

Nesta concentración a Plataforma Sanitaria redactará tamén reclamacións colectivas nas que se demanda a cobertura dos pediatras ausentes, dándoselle rexistro posteriormente no Hospital da Mariña.

Animamos a todas as veciñas e veciños a que se acheguen ao centro de saúde a participar deste acto reivindicativo de xeito multitudinario e que fagan efectiva a súa reclamación, xa que a loita colectiva e quen de lograr que se fagan realidade as nosas demandas.

O Concello de Viveiro apoia a concentración

O Concello de Viveiro súmase ás reivindicacións da plataforma “Salvemos a Sanidade Pública” para reclamar melloras no servizo de pediatría do municipio. A plataforma convoca unha concentración para este domingo, 20 de novembro, ás 12 da mañá fronte ao centro de saúde.

A convocatoria, baixo o lema “Nin un só día sen pediatra” denuncia a falta de pediatras no centro de saúde de Viveiro. Esta circunstancia obriga ás familias a desprazarse a outros municipios para que os cativos e cativas reciban atención médica.

Esta semana, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, cualificou de “inaceptables” os problemas do servizo de pediatría no centro de saúde da vila. A estes problemas súmase tamén a falta de profesionais médicos noutras áreas.

“A Xunta de Galicia non está a tomar medidas para remediar esta situación, que pon en risco un servizo básico e esencial como é a sanidade pública e, en concreto, a atención primaria”, recorda Loureiro.

Exit mobile version