Site icon Crónica3.com A Mariña

Chega este sábado a Burela ‘As que limpan’, unha sátira utópica de A Panadaría sobre o traballo e loita das camareiras de piso

A obra, que conta xa con dous premios, retrata con humor a loita das camareiras de piso por alcanzar uns dereitos laborais e sociais xustos ao tempo que pon sobre a mesa a fenda de xénero nos traballos de limpeza e coidados

Burela, 3 de novembro, 2022. A compañía A Panadaría, integrada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, chega ao Auditorio da Casa da Cultura de Burela o próximo sábado 5 de novembro ás 21:00 co seu espectáculo As que limpan, en coprodución co Centro Dramático Nacional. Esta montaxe teatral ven de recibir o Premio do Público da Mostra de Teatro Galego de Cariño e o Premio a Mellor Espectáculo de Sala na Feria de Castilla y León.

O título fai referencia ás coñecidas como ‘as Kellys’, movemento no que as traballadoras da limpeza dos hoteis se organizaron para reivindicar unha mellora nas súas condicións laborais e prestixio social. Son «‘As que limpan’, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador», segundo a compañía de teatro.

A Panadaría quere, con esta proposta satírica e musical, «aproveitar a visibilidade que nos permite a escena para xerar debate sobre como o noso sistema económico sostense e funciona grazas á explotación das mulleres. Tamén atravesa a peza unha preocupación polo modelo de turismo español e como este vampiriza a vida das persoas mais tamén dos territorios».

Así, o argumento da obra articúlase arredor da visita dunha presonalidade política a un luxoso hotel-balneario galego xestionado por un empresario corrupto para mostrarnos, a través do humor e de áxiles gags, toda a problemática das camareiras de piso nun alegato que vai máis aló das reivindicacións laborais do sector para facernos reflexional sobre «a fenda de xénero na limpeza e nos coidados, altamente feminizados e precarizados».
«Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes»

Con esta proclama definen as fundadoras de A Panadaría o trasfondo da cuestión que abordan cunha afilada visión crítica na súa proposta. As creadoras contan que, durante a pandemia, reflexionaron moito sobre a desigualdade de xénero e isto levounas a crear esta obra. «O 98 % das persoas que limpan nos hoteis son mulleres e traballan en condicións de explotación e abuso. A maioría das limpadoras domésticas non traballan dadas de alta. As mulleres adicamos 20 horas semanales ás tarefas do fogar mentres os homes empregan 11 horas. É escandaloso», denuncian.

As que limpan é unha creación de A Panadaría na que as tres integrantes e cofundadoras escribiron e dirixiron de forma conxunta, e na que tamén interpretan ás personaxes. Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman traballan desta maneira colectiva desde 2013, ano no que fundaron a súa compañía en Vigo baixo a premisa de ofrecer “un teatro irreverente ao servizo dunha visión crítica do mundo”. Definen o seu estilo como “de trasgresión hilarante e profundamente político”, para o que se arman de recursos populares como o teatro de variedades, a música vocal, a caricatura ou a abundancia de gags.

Nestes anos recibiron máis dunha ducia de recoñecementos á súa proposta artística e ao seu compromiso transversal polo feminismo e a diversidade. Entre eles, o Premio Begoña Caamaño 2020 á acción cultural pola igualdade, o Premio Las Horas do Festival de Cine LGBT de Extremadura, o Premio do Público da MIT de Ribadavia ou cinco Premios María Casares. A súa última montaxe foi o celebrado Elisa e Marcela, baseado na historia real do primeiro matrimonio entre dúas mulleres, na Coruña no ano 1901.

As que limpan estreouse o 18 de febreiro na Área Panorámica de Tui (Pontevedra) e, neste tempo, percorreu xa Galicia, Navarra, Illas Canarias, Madrid, Euskadi e Castela e León.

Información sobre venda de entradas: na taquilla do auditorio de 20:30 a 21 horas. Entradas: 4 euros.

Exit mobile version