Site icon Crónica3.com A Mariña

Chocolates Moreno e cervexas Augas Santas súmanse ao selo de calidade de artesanía alimentaria da Xunta

Este distintivo de calidade diferenciada garante que as producións contan cunha elaboración tradicional e unha presentación coidada, acorde coa súa condición de produtos que pretenden situarse entre os da gama gourmet

Ribadeo, 8 de novembro de 2022. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, confirmou hoxe a adhesión da empresa Chocolates Moreno ao selo de calidade Artesanía Alimentaria, ao facerlle entrega aos seus responsables das licenzas de uso da marca e das cartas de artesáns. Tamén fará entrega das mesmas aos responsables da empresa cervexeira Augas Santas, na súa posterior visita esta mesma tarde ás instalacións da empresa en Foz.

Deste xeito, xa son máis dunha trintena de empresas e arredor de 50 persoas artesás que conforman este selo de calidade, promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

Na súa intervención, o director destacou que, con este distintivo, os produtos poderán diferenciarse no mercado, pois este selo garante que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.

Ademais, lembrou que este selo de calidade diferenciada busca promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais e mellorar as rendas e fixar poboación nos medios rural e litoral. Tamén fomentar métodos tradicionais de elaboración e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade, potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.

Exit mobile version