Site icon Crónica3.com A Mariña

Desbloqueado o proxecto de construción da casa cuartel da Garda Civil da Fonsagrada

O Concello da Fonsagrada xa realizou a cesión gratuíta dos terreos para construír esta nova dotación, que dá resposta a unha demanda do Goberno progresista da Fonsagrada co fin de  atraer servizos, e ao mesmo tempo fixar poboación neste municipio da Montaña lucense

A Fonsagrada, 21 de novembro de 2022. O Alcalde socialista da Fonsagrada, Carlos López López, mantivo hoxe en Madrid, unha xuntanza coa Directora Xeral da Garda Civil, María Gámez, na que desbloquearon o proxecto de construción da casa cuartel da Garda Civil no Concello.

Así o avanzou o Alcalde, que saíu moi satisfeito desta xuntanza, tras expoñer as súas demandas diante deste organismo. “Dende a Dirección Xeral da Garda Civil comunicáronnos que a finais de ano estará listo o anteproxecto desta nova infraestrutura, e a principios do 2023 contaremos xa co proxecto definitivo, e previsiblemente, segundo o cronograma previsto, será licitado no segundo semestre do ano”.

O Concello da Fonsagrada xa realizou a cesión gratuíta dos terreos para construír esta nova dotación, que dá resposta a unha demanda do Goberno progresista da Fonsagrada co fin de  atraer servizos, e ao mesmo tempo fixar poboación neste municipio da Montaña lucense.

“Hoxe é un día importante para o noso concello. Por fin sacamos adiante un proxecto que levaba tempo enfrascado, e agora xa podemos anunciar que temos o compromiso firme do Goberno de Pedro Sánchez para sacalo adiante. Polo tanto, estamos diante dunha boa nova, un novo investimento que contribuirá de xeito decidido a mellorar os nosos servizos públicos e as nosas dotacións”, dixo o rexedor.

Exit mobile version