Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG non aprobou os orzamentos do Concello de Mondoñedo para 2023

Para o BNG limitarse a cubrir as necesidades básicas do concello resulta insuficiente para enfrontar con ilusión o futuro de Mondoñedo e cualifican os orzamentos de continuistas por non ofreceren nada novo con respecto a exercicios anteriores

Mondoñedo, 30 de novembro do 2022. O voceiro nacionalista, Eloi Cabanas, debullou no pleno do concello celebrado o pasado venres unha a unha as principais cuestións polas que non lle deu o visto bo ás contas para o ano 2023.

-O goberno popular amortiza prazas e non cubre as vacantes que aparecen detalladas no anexo de persoal. “Aquí non vale facer máis con menos”. A carga de traballo aumenta e a eficacia no servizo ao asignar as tarefas do persoal que se vai xubilando noutros compañeiros do concello non é suficiente.

Non hai contención no gasto e hai partidas que aumentan ano tras ano.

Apuntan por exemplo que a partida de Gastos Diversos onde van conceptos como Publicidade e Propaganda incrementouse este ano en 34000 euros, partida que experimenta unha suba de 105.000 euros desde o ano 2019 denuncian.

Eloi Cabanas dubida que a tendencia á alta destes anos se xustifique despois nun retorno na mesma proporción en melloras para á veciñanza.

O BNG tamén lle reprochou ao goberno a ineficiente xestión nas labores de recadación. Segundo o BNG o concello perde diñeiro ao non prever ningún ingreso en concepto de Canón Eólico. “É lamentable que despois de concederlle unha rebaixa fiscal de 110.000€ a Norvento por instalar un parque eólico en Sasdónigas que agora se demostrou polo Tribunal Supremo que fora autorizado ilegalmente pola Xunta e co número de aeroxeradores instalados polos diferentes parques no noso concello o goberno, encabezado agora por Manuel Otero, se cruce de brazos e non tome medidas para recadar o que nos corresponde por este concepto”.

Eloi Cabanas volveu a insistir nos compromisos adoptados en anteriores acordos plenarios a instancias do BNG e que o goberno segue sen atender. “O goberno volve a negarlle unha vez máis ás familias co dificultades económicas do noso concello a axuda para a compra de material escolar e libros de texto”.

No que respecta ao Anexo de Inversións o edil nacionalista cualificouno de decepcionante xa que só destacaba pola ausencia de proxectos novos.

Para concluír, e igual que en anos anteriores, o BNG considera que o reparto de axudas para as actividades que realizan as diversas asociacións é pouco obxectivo e de difícil control pola oposición e bota en falta un procedemento máis xusto como pode ser o de concorrencia competitiva.

Para o BNG estes non son os orzamentos que necesita Mondoñedo,”hai un amplo parque de maquinaria parado que debería estar funcionando con persoal especializado e igual que hai diñeiro para recorrer a empresas privadas en determinadas épocas do ano tamén os debería haber para realizar moitos deses traballos con recursos propios”, e o aumento do gasto con respecto a anos anteriores non se xustifica só por culpa da subida dos prezos.
Apuntan que as previsións orzamentarias para o ano que estamos en curso tampouco se están cumprindo e segundo as últimas resolucións da alcaldía entregadas aos grupos da oposición indican que están chegando facturas ao concello para as cales non hai asignación orzamentaria e para poder facerlles fronte teñen que andar facendo “encaixe de bolillos” para consignar crédito botando man das correspondentes Transferencias de Crédito e este ano xa van 25.

Eloi Cabanas, á vista destes orzamentos, denota do goberno local unha evidente “desidia” para encarar estes últimos meses de mandato. “Faltan proxectos e políticas novas de futuro”.

ROGOS E PREGUNTAS

O BNG preguntou cando se ía poñer en funcionamento o Servizo de Fisioterapia no Centro de Saúde de Mondoñedo e a pesar de que a obra xa esta rematade desde abril do 2022 o goberno local non soubo precisar unha data concreta e conta que ao longo do ano 2023 puidera estar en funcionamento.

O edil nacionalista volveu a preguntar tamén polo inicio da posta en funcionamento do ximnasio municipal esta vez nas novas instalacións da avenida de Bos Aires e logo de acumular máis dun ano de retraso e o alcalde anunciou que a mediados do mes de decembro xa se podería utilizar.

Exit mobile version