Site icon Crónica3.com A Mariña

O executivo local leva ao pleno de Foz deste xoves un suplemento de credito para afrontar a subida da inflación e as necesidades relativas a subvencións

Foz, 7 de novembro de 2022. O Concello de Foz leva este xoves a pleno un suplemento de crédito para afrontar os incrementos de prezo de todos os servizos obrigatorios e necesarios.

A concelleira delegada de Facenda, Inés López Couto, explica que “este suplemento é necesario para o pago de facturas e cumprir coas obrigas e competencias municipais. É necesario aprobar este suplemento para afrontar créditos que son de competencia municipal e non retrasar os pagos, como facía o anterior goberno, con enormes recoñecementos extraxudiciais e deixando sen crédito as partidas no mes de maio e aos provedores sen cobrar ata máis dun ano despois, froito da súa mala xestión”.

Inés López engade que “un concello en crecemento constante coma Foz, con obras moi necesarias en curso (rúa Costa do Castro) e outras que comezarán en breves (rúas Irmandiños, Salvador Madariaga, Curros Enríquez,…), que continúa buscando recursos para peticións que levan anos sendo solicitadas (auditorio, mellora das entradas do pobo,…) necesita ser responsable na súa xestión e ter debidamente atendidas as súas competencias. Nun contexto inflacionista con dificultades na previsión para os economistas, os orzamentos (que son iso, orzamentos, supostos) poden e deben ser modificados para afrontar as necesidades que van xurdindo no exercicio”.

A edil de Facenda comenta tamén: “seremos responsables, modificaremos as partidas e os programas necesarios para afrontar as necesidades de Foz e incrementaremos os esforzos para mellorar a resposta do Concello en materia económica, para que os provedores poidan cobrar coa maior premura, realizando as contratacións que estaban sen facer dende hai anos e traballando man a man cos servizos económicos e xurídicos municipais. Non temos medo a modificar as nosas previsións iniciais nin a recoñecer que é necesario facer modificacións. Iso non implica erros senón seriedade e responsabilidade para responder as necesidades. Non vamos pecar de soberbios”.

Os 802.222,63 euros servirán para o pago da enerxía eléctrica, a recollida selectiva, melloras no saneamento, abastecemento e limpeza.

Exit mobile version