Site icon Crónica3.com A Mariña

O IEGPS inaugura este venres en Alfoz a exposición ‘Os nosos castelos: Castro de Ouro e ou mariscal Pardo de Cela’

A mostra consta de 14 paneis interactivos sobre o castelo Castro de Ouro e o mariscal Pardo de Cela

Santiago de Compostela, xoves 24 de novembro de 2022. Este venres, 25 de novembro, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, leva a cabo un intenso programa de actos en Alfoz.

Pola mañá no CEIP de Castro de Ouro e no CEIP Plurilingüe Santa María de Valadouro persoal do centro (Jeniffer Fernández González e María Rivo Vázquez) realizan seis talleres de heráldica para o alumnado de 3º e 6º de Primaria, iniciativa contemplada no programa de actividades para a Semana da Ciencia e a Tecnoloxía.

Xa pola tarde inaugúrase no castelo de Castro de Ouro a exposición “Os nosos castelos: Castro de Ouro e ou mariscal Pardo de Cela”. Promovida polo IEGPS coa colaboración do Concello de Alfoz, está comisariada por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, profesor “ad honorem” do CSIC, e conta co patrocinio da Axencia Galega de Turismo.

Consta de 14 paneis interactivos sobre o castelo, o mariscal Pardo de Cela e a súa liñaxe, as súas propiedades e o seu impacto cultural.

Estará aberta ao público ata o 22 de decembro. O horario de visitas, gratuítas, será os venres, sábados e domingos, de 11:30 horas a 19:00 horas, fóra das festividades de Nadal e Aninovo.

O acto inaugural será ás 17.45 horas e contará coa presenza do alcalde do concello de Alfoz, Jorge Val Díaz; do deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón; da directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua; do director do IEGPS, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda; e do comisario da mostra, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés.

Tras a inauguración da mostra, que incluirá con carácter previo, ao redor das 17:15 horas, unha visita guiada polo comisario, terá lugar ás 18.30 horas a entrega dos premios do concurso escolar de debuxo “Debuxando os nosos castelos” sobre o citado castelo, iniciativa promovida polo IEGPS e contemplada no programa de actividades para a Semana da Ciencia e a Tecnoloxía, que a patrocina.

En total, recibíronse 70 debuxos autoría do alumnado de entre 6 e 15 anos de tres centros de ensino: CEIP de Castro de Ouro, IES Alfoz Valadouro e CEIP Plurilingüe Santa María de Valadouro.

Entréganse cinco premios, un por categoría: 1º-2º de Primaria; 3º-4º de Primaria; 5º-6º de Primaria; 1º-2º de ESO; e 3º-4º de ESO- consistentes nun lote de libros de divulgación científica adaptado a cada idade.

As premiadas son Miriam Maseda Fanego; Leyre Carballal Souto; Ana Díaz Fraga; Celia Fernández Fernández; e Noemí Vidal Cuba.

Exit mobile version