Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG reclama ao PP incrementar os orzamentos Xa xunta na provincia para acometer as infraestruturas pendentes, e que inclúa un plan de reindustrialización para A Mariña

Na iniciativa rexistrada tamén propón “que se habiliten medidas de axuda especiais para a flota lucense afectada polo veto á pesca de fondo e que se amose, a través dos orzamentos, o apoio ao sector primario, nomeadamente aos gandeiros e agricultores”

Lugo, 27 de novembro de 2022. O Grupo Socialista da Deputación de Lugo defenderá no vindeiro Pleno da Corporación provincial, que se celebrará este martes, unha moción na que propoñen ao Goberno galego acometer as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento da provincia.

Os socialistas solicitan, a través desta proposta, “modificar os orzamentos para subsanar os incumprimentos pendentes coas infraestruturas e o reforzo dos servizos públicos da provincia de Lugo”. Nesa liña, solicitan un plan de reindustrialización que faga fronte á perda de emprego industrial, nomeadamente na comarca da Mariña.

Na iniciativa rexistrada tamén demandan “que se habiliten medidas de axuda especiais para a flota lucense afectada polo veto á pesca de fondo e que se amose, a través dos orzamentos, o apoio ao sector primario, nomeadamente aos gandeiros e agricultores”.

Gobernos conservadores de costas a Lugo
Dende o PSdeG inciden en que “os sucesivos goberno do Partido Popular, ben á fronte da Xunta de Galicia, ben no Goberno do Estado, non tiveron un compromiso real coa provincia de Lugo. Especialmente no eido das infraestruturas e dos servizos públicos, a xestión dos gobernos conservadores fíxose sempre de costas a Lugo e ás necesidades dos lucenses. Tal e como recoñeceron institucións independentes como o Tribunal de Cuentas, que constatou a parálise das obras do AVE galego entre 2014 e 2017, sendo ministra Ana Pastor”.

Así as cousas, os socialistas advirten de que “ano tras ano, proxectos fundamentais como a Ronda Leste, o Porto Seco de Monforte, a VAC Costa Norte, as obras de desdobramento do corredor Lugo-Monforte ou o Plan Paradai reciben partidas orzamentarias que non se traducen en obras reais”.

Partidas pantasma
Nalgún caso, engaden, “podemos falar de partidas pantasma” porque se aparecen de xeito reiterado, coas mesmas cantidades, ano tras ano, pero nunca chegan a gañar realidade física en proxectos concretos, inicios de obras ou transformación da realidade. Noutros casos, as partidas resultan vergoñentas, como os menos dos 200.000 € consignados pola Xunta para a Estación Intermodal. Que contrastan cos 15M€ que o Goberno do Estado vai adicar a esta infraestrutura”.

Exit mobile version