Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Bolechas chegan a Burela este sábado

Burela, 10 de novembro, 2022. O vindeiro sábado, 12 de novembro, ás 18 horas no Auditorio da Casa da Cultura, no marco do Programa de Dinamización Lingüística FalaRedes 2022 da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración da Delegación Municipal de Cultura, os Bolechas presentan: “O aniversario do avó”. A entrada é libre e para todos os públicos.

O avó Emiliano cumpre… 70 anos!

O avó cumpre 70 anos e os Bolechas queren facerlle a mellor festa do mundo. E non hai festa sen torta pero vai ser difícil poñerse dacordo nos ingredientes da torta de aniversario. Carlos quere botarlle chourizo pero Pili non o ve claro… E hai que poñer 70 candeas ! Terá que ser unha torta xigante.

Hai moitos temas que tratar e os Bolechas van precisar axuda , así que botarán man do público , como é habitual, para celebrar a mellor festa de aniversario.

O sábado todas as nenas e nenos que o desexen poden celebrar o aniversario do avó Emiliano. E, como non, pasalo en grande cos Bolechas nun espectáculo tradicional que reúne diversión e aprendizaxe con monicreques e participación activa do público para gozar en familia.

Exit mobile version