Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación lanza a terceira tempada do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia

A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases para poñer en marcha o vindeiro ano unha nova edición, na que ofrecerá 3.000 prazas de marzo a xuño e de setembro a decembro

Lugo, 22 de decembro de 2022. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres as bases para poder lanzar o vindeiro ano 2023 a terceira edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, sinalou que a institución provincial prepara xa unha nova tempada desta iniciativa “ante o enorme éxito que tiveron as dúas edicións anteriores, nas que participaron máis de 4.500 persoas”.

Lembrou García Porto que este programa da Deputación está dirixido a asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia e consiste en viaxes gratuítas, en pequenos grupos, dunha xornada de duración por diferentes puntos da xeografía lucense seguindo diversas rutas polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico.

“Esta é unha das medidas que puxemos en marcha neste mandato co obxectivo de incentivar o turismo de proximidade, a hostalería e o comercio local, que son un dos motores importantes da nosa economía”, subliñou a voceira provincial.

Nas bases aprobadas hoxe queda recollido que para o ano 2023 a Deputación ofertará un máximo de 3.036 prazas repartidas en dous períodos: un na primavera, entre os meses de marzo e xuño, para os que haberá ata 1.794 prazas; e outro no outono, entre os meses de setembro e decembro, durante os que ofrecemos 1.242 prazas.

O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación das bases reguladoras da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Mantemento das zonas verdes da Deputación

Outro dos asuntos aprobados este venres foi prorrogar durante o ano 2023 o encargo da Deputación de Lugo á empresa pública Tragsa, que é medio propio da institución, para o mantemento das zonas verdes de titularidade provincial. O importe do encargo de xaneiro a decembro de 2023 é de 850.000€.

Exit mobile version