Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reivindica un cambio de política forestal en Galicia que poña o foco na prevención dos lumes

Pilar García Porto reclamou este martes esta necesidade para o monte e o rural galego no foro Next Education A lacra dos lumes forestais, que acolleu a localidade coruñesa de Culleredo

Lugo, 13 de decembro de 2022. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este martes no foro Next Education A lacra dos lumes forestais, que organizou a Deputación da Coruña, a European Climate Foundation e o Foro Next Education. Un evento presentado polo xornalista e director de Next Educaction Manuel Campo Vidal no edificio multiusos de Culleredo.

Nas súas palabras, García Porto puxo o foco en que os lumes forestais “son unha gravísima lacra que é recorrente no rural galego, e se queremos loitar con eficacia contra eles, é importante manter vivo o interese informativo e o debate sobre os mesmo ao longo de todo ano, non só nos meses de verán”. Ademais, deixou de manifesto que é fundamental “relacionar o problema dos lumes co do despoboamento porque se entrelazan nun círculo vicioso que debemos romper. O campo despoboado provoca montes mal coidados, que arde con facilidade, pero a queima do monte supón unha perda de recursos económicos e medioambientais que, á súa vez, xera unha perda de poboación no rural”.

Foi clara ao lembrar que dende a Deputación de Lugo se vén reclamando de maneira “insistente un cambio de política forestal da administración que ten as competencias e a responsabilidade, que é a administración autonómica, unha política que cada ano se revela como ineficaz e que este ano nos deixou unhas cifras de máis de 44.000 hectáreas queimadas, 20.000 delas en espazos naturais”, evidenciou. Ao respecto diso, exemplificou os seus argumentos co acontecido o pasado verán no Courel e na Pobra do Brollón, con máis de 13.6000 hectáreas ardidas, que “non só devastaron o medio ambiente e o patrimonio, incluídas moitas vivendas, senón que puxeron en risco a integridade física da veciñanza”. Dixo que agora mesmo a Xunta pon o acento na extinción, algo que cualificou de “ineficaz ante as condicións de altas temperaturas e maior sequidade derivadas do cambio climático”.

Explicou que unha boa política forestal ten que ir da man da prevención. “Precisamos un servizo centralizado, dotado de medios técnicos e cunha formación profesionalizada. Un servizo que actúe os 12 meses do ano con tarefas de limpeza de montes e prevención”, indicou, engadindo que se precisan políticas transversais que poñan en valor todas as potencialidades dos nosos montes. Por exemplo, temos que seguir apostando por completar o ciclo da madeira con produtos que xeren valor engadido”.

Exit mobile version