Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fonsagrada acolle a rodaxe da longametraxe ‘As Neves’, de Sonia Méndez, que conta co apoio da Xunta

Na presentación do proxecto participaron a directora da película, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director da Agadic, Jacobo Sutil 

Lugo, 14 de decembro de 2022. O municipio da Fonsagrada acolle estes días a rodaxe da película As Neves, da viguesa Sonia Méndez, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación do proxecto coa participación da directora e produtores do filme, o delegado territorial, Javier Arias, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

As Neves, de Cósmica Producións e coproducido con Aquí y Allí Films, é a primeira experiencia de Méndez como directora e guionista de longametraxe de ficción, se ben acredita máis de vinte anos de traxectoria profesional no audiovisual, tanto na dirección como no guión, actuación e produción. Entre os recoñecementos acadados, conta cos Premios Mestre Mateo á mellor curtametraxe nos anos 2011 y 2012 por Las Damas Negras e Conversación con una mujer muerta.

O departamento de Industrias Culturais da Xunta financia con 260.000 euros a realización desta longametraxe, á que xa destinara 18.200 euros no ano 2019, ao abeiro da liña de achegas para o desenvolvemento deste tipo de proxectos; nese caso, serviu para sentar as bases da produción, traballando no guión, na busca de emprazamentos e na estratexia de financiamento.

A película é un drama psicolóxico sobre un grupo de adolescentes que viven nunha contorna illada e natural pero tamén en continuo contacto co mundo global a través das novas tecnoloxías e internet, e cuxa vida vese sobresaltada pola desaparición duna compañeira.

O equipo está composto por máis de 60 persoas e está previsto que a rodaxe se estenda ata o 14 de xaneiro, se ben será preciso agardar a que haxa neve para tomar algunhas escenas. En xeral os exteriores e infraestruturas, como o cuartel da Garda Civil, as pistas de baloncesto ou o centro social, corresponden á Fonsagrada, pero tamén hai localizacións na Pobra de Burón -a vinte minutos do casco urbano-, A Pontenova, e Santiago de Compostela.

Tanto o delegado territorial como o director da Agadic déronlle os parabéns aos responsables do proxecto pola posta en marcha dunha nova rodaxe na nosa Comunidade que proxectará a imaxe de Galicia, contribuirá á difusión da nosa lingua propia e continuará a fomentar a actividade do sector audiovisual galego, así como os seus efectos positivos na dinamización económica sobre o territorio.

As convocatorias de subvencións da Xunta para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego teñen un efecto multiplicador do investimento público, xa que ademais de dinamizar a contratación de servizos e profesionais vinculados directamente á produción audiovisual, producen un considerable impacto económico e de proxección exterior para as contornas que acollen as súas rodaxes.

Impulso en todas as etapas

Estas achegas son, ademais, un dos piares do programa anual de axudas ao sector a través do que a Xunta apoia economicamente as empresas en todas as etapas do proceso audiovisual: desde a promoción do talento na creación e as fases de preprodución, rodaxe e posprodución ata a súa difusión, comercialización e exhibición.

A través das subvencións á produción e coprodución de 2020 e 2021, 31 produtoras galegas resultaron beneficiarias dun total de cinco millóns de euros para 42 obras audiovisuais cuxos orzamentos globais suman máis de 26 millóns de euros; en concreto, 10,6 millóns en 2020 e 15,7 millóns en 2021, e entre os seleccionados neste último ano figura a longametraxe As Neves, que está agora en fase de rodaxe na Fonsagrada.

Exit mobile version