Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e o cerco galego constatan a necesidade de que España adopte medidas para garantir a viabilidade do sector ante o recorte do xurelo no Cantábrico

O Executivo galego e a frota piden que o Estado estude actuacións como unha posible parada biolóxica para as frotas de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco e a habilitación das correspondentes axudas para que a súa actividade sexa rendible

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe á Comisión sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca para analizar o resultado das negociacións dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2023. Nesa xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, a Xunta e os distintos representantes da frota de cerco de Galicia constataron a necesidade de que España adopte medidas para garantir a viabilidade do sector ante o recorte das posibilidades de pesca de xurelo no Cantábrico e augas de Gran Sol.

O acordo acadado a semana pasada no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea establece para o próximo ano unha cota desta especie nos caladoiros do norte de 15.000 toneladas, das que apenas 3.200 corresponden a España e condicionadas á pesca accesoria.
Este feito -o de non poder facer pesca dirixida entre Fisterra e o golfo de Biscaia- complica en gran medida a actividade dos preto de 150 cerqueiros cos que conta Galicia pois non se aprobaron flexibilidades interanuais nas posibilidades de captura nin aumento nos intercambios entre as zonas IXa -de Fisterra cara o sur- e VIIIc, de Fisterra cara o norte.

Ante esta situación, as partes coincidiron na necesidade de que o Goberno central estude medidas como unha posible parada biolóxica para as frotas do Cantábrico -Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco- e a habilitación das correspondentes axudas co obxectivo de que a súa actividade poida ser rendible.

A maiores, tanto a Xunta como o sector apostaron porque España negocie con Portugal unha xestión da sardiña en augas ibéricas que permita incrementar en boa medida as capturas unha vez que os últimos informes científicos sobre o estado biolóxico desta especie constataron que se atopa totalmente recuperada.

Balance negativo
A conselleira do Mar asegurou que o Executivo galego vai seguir traballando xunto ao sector para paliar o impacto das decisións adoptadas en Bruxelas e garantir o futuro da actividade. Neste sentido, lamentou que o resultado das negociacións dos TAC e cotas para 2023 foi negativo para Galicia tendo en conta que, tras moitas horas de contactos e debates, o acordo acadado apenas supuxo cambios en relación coa proposta inicial de Bruxelas.

Rosa Quintana salientou que os incrementos rexistrados en especies como a pescada, o rapante ou o peixe sapo se corresponden coa proposta da Comisión Europea en base aos informes dos científicos e froito do esforzo realizado polo sector para recuperar os caladoiros. Mentres, nas cuestións máis negativas -como o xurelo do norte ou a anguía- os avances foron mínimos e insuficientes malia os sacrificios que está a facer a frota e a boa xestión que se está a desenvolver en Galicia.

A conselleira lamentou a falta de capacidade de negociación da delegación española neste Consello de Ministros de Pesca e tamén a intransixencia mostrada polo Executivo comunitario, que volveu basear todas as súas decisións unicamente nos aspectos ambientais, sen atender aos económicos e sociais.

Exit mobile version