Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro pide ao Goberno prorrogar a bonificación ao carburante para o sector pesqueiro

O deputado popular aprema a Sánchez a estender unha medida que, se non o impiden, caducará o próximo 31 de decembro

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022. O deputado do Grupo Parlamentario Popular de Galicia e presidente da Comisión de Pesca do Parlamento galego, José Manuel Balseiro, é partidario de prorrogar a bonificación de 20 céntimos por litro de combustible máis aló do 31 de decembro, data na que caduca esta medida.

Balseiro apela á “importante intranquilidade” que está a xerar no sector as “declaracións contraditorias por parte de representantes gobernamentais” acerca dun posible cambio de procedemento e insta ao Executivo que preside Pedro Sánchez a tomar unha decisión ao respecto “que non pode ser outra que a prórroga deste medida en 2023”

O popular indica que a pesar de que o prezo do combustible é algo menor nas últimas semanas, “segue a niveis altísimos”, un 68% máis caro que en xaneiro de 2021. A isto súmaselle o “agravante” de que nos próximos meses previsiblemente volverá encarecerse o diésel como consecuencia das medidas sancionadoras ao petróleo ruso recentemente aprobadas.

Balseiro recoñece que os populares terían apostado por un sistema máis áxil e permanente no tempo, como sería a redución inmediata dos impostos aos carburantes pero, unha vez desbotada esta medida polo Goberno de Sánchez o ideal é prorrogar o desconto actual dos 20 céntimos “a todos os consumidores en xeral e, moi en particular, aos transportistas e sectores primarios como o pesqueiro ou o gandeiro”

Balseiro di que, de non atenderse esta demanda, estarían dando “un golpe decisivo á frota pesqueira galega”, que xa sofre o impacto da veda das zonas de pesca, promovida polo comisario europeo ecoloxista, e o encarecemento xeneralizado das subministracións. “Hai que traballar para aliviar a difícil situación que está a atravesar. Non hai tempo que perder, nin razóns para non tomar esta decisión”- conclúe.

Exit mobile version