Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira afirma que o Consorcio nunca puxo nin poñerá problemas para facerse cargo da residencia da terceira idade de Foz

O PP di que “Cajoto quérese lavar as mans nunha responsabilidade que é propia e absoluta do Concello de Foz e máis concretamente do alcalde, por non ter avanzado nestes últimos meses na contratación e por non ter no seu día, como dixo o PP, negociado coa empresa o reequilibrio económico”

Foz, 20 de decembro de 2022. Hai servizos públicos que polas súas peculiaridades debe ser xestionados con especial coidado e sensibilidade. En Foz, o alcalde, Fran Cajoto (PSOE), non tivo nin coidado nin sensibilidade na xestión da residencia da terceira idade e agora tanto os residentes como os traballadores viven nunha inxustificable e inxusta incerteza. O portavoz popular, Javier Castiñeira, insta a Cajoto a aclarar xa que fará cos residentes e os traballadores cando o próximo 16 de xaneiro a empresa que xestiona o centro deixe de facelo.

Castiñeira explica: “Fai uns días, a empresa que xestiona a residencia da terceira idade díxolle a Cajoto que ou paga o reequilibrio económico que solicitou no seu momento ou que se marcharía o 16 de xaneiro. Ese é o gran problema: chegamos ao 16 de xaneiro sen outra empresa que poida substituír a esta. Ese é o problema, o demais son cortinas de fume, para tratar de facer como fixo sempre o señor Cajoto para involucrar á Xunta de Galicia nos seus problemas”.

Os populares confirmaron cos representantes do Consorcio que “este nunca foi un problema: se o Concello non quere a residencia o que ten que facer e dárnola igual que a entregamos; e se a queren, dígano”. Engaden: “No momento en que faga isto, pode recibila. Tampouco dende o inicio, dende que se construíu a residencia e dende que se chegou a un acordo para que fora municipal, o Consorcio puxo pegas para que pase a ser do Concello de Foz”. Castiñeira sinala: “Ese paso está perfectamente dado, o problema é quen vai facer a xestión despois do 16 de xaneiro. A empresa actual leva perdidos moitos cartos porque o señor Cajoto non quixo facer o reequilibrio económico que se lle solicitou, a causa da covid, a inflación e o custo da enerxía. O que nos debe aclarar o señor alcalde é quen vai facer a xestión, porque o demais son cortinas de fume, e nós non imos admitir máis cortinas de fume, igual que fixo no seu día coa Escola de Música e que está facendo con outros servizos”.

Castiñeira denuncia que “Cajoto quérese lavar as mans nunha responsabilidade que é propia e absoluta do Concello de Foz e máis concretamente do alcalde, por non ter avanzado nestes últimos meses na contratación e por non ter no seu día, como dixo o PP, reaxustado coa empresa o reequilibrio económico”.

Exit mobile version