Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “É lamentable que Pablo Rivera siga á fronte da súa área de xestión na Deputación despois de enganar a alcaldes e veciños aos que prometeu unha residencia”

Os grupos do bigoberno votaron en contra da iniciativa popular para que o organismo provincial axilice a construción das novas residencias

Lugo, 27 de decembro de 2022. Unha vez máis, o bigoberno provincial refuxiouse na crítica a outras administracións, sinaladamente á Xunta, para non asumir propostas do grupo provincial do PP, de execución tan necesaria como positiva para os veciños da provincia de Lugo. Socialistas e nacionalistas votaron contra a proposta popular para deseñar e executar un plan extraordinario contra o despoboamento na provincia, así como para axilizar a construción e posta en servizo da totalidade das residencias da terceira idade comprometidas polo goberno provincial.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou: “Unha vez máis as propostas do PP foron votadas en contra por parte do goberno provincial, a pesar de que sexan parte do fundamento do que é unha Deputación, e que nun caso tiñan por obxectivo loitar contra o despoboamento e axudar aos concellos pequenos. Esta provincia é eminentemente rural e precisa de axudas de todas as administracións; dado que non se incrementou o Plan Único en dous anos, entendemos que sería importante deseñar un plan para combater o despoboamento e tratar de facer unha discriminación positiva para todos eses concellos pequenos que se viron moi maltratados pola Deputación nestes dous últimos anos”. De novo, socialistas e nacionalistas botaron “balóns fóra e demostraron que non cren nas deputacións para resolver parte dos problemas do rural”.

Por outro lado, segundo indica Castiñeira, no pleno viuse de novo “o teatro do deputado socialista Pablo Rivera respecto á situación das residencias da Deputación; teatro e mentiras”. Os populares lamentan “que o señor Rivera permaneza á fronte desta delegación tan importante e sobre todo que non cumpra os seus compromisos con todos os alcaldes e veciños aos que prometeu unha residencia e a día de hoxe non teñen nada, só un pouco de papel; algúns, por non ter, non teñen nin o edificio que tiñan para convertelo en residencia, como é o caso de Guitiriz”. Foi, di o portavoz popular, “unha lexislatura malísima para as novas residencias”.

Castiñeira declarou despois do pleno: “Unha vez máis o PP puido comprobar que o presidente Tomé viviu da xestión que fixo Suplusa no seu momento; todas as novas residencias acumulan retrasos e practicamente en ningunha das nove que quedan hai movemento. Tomé ten tarefa por diante e a obriga de explicar aos veciños porque non se están cumprindo os prazos nas súas residencias”.

Exit mobile version