Site icon Crónica3.com A Mariña

Gran actuación do Iadovi no Campionato Galego de tiro con arco en Sala

Cervo, 20 de decembro, 2022. O pasado domingo disputouse na localidade de Marín (Pontevedra) o Campionato Galego de Tiro con Arco en Sala. Ata alí se desprazaron os arqueiros mariñáns.

Na categoría sénior de arco recurvo, Sergio López Delantero e Pablo Rodríguez Plá, tras disputarse as series clasificatorias, conseguiron situarse na sétima e vixésimo sétima posición respectivamente. Sergio pasou a fase eliminatoria comezando en oitavos de final, o seu encontro sería ante o representante do Arc-Teixo Club (A Coruña) Diego Martínez, nun enfrentamento emocionante e moi igualado que tivo que resolverse no shoot off ou frecha de desempate. Aínda que Sergio tirou moi ben, o seu rival foi máis atinado, co resultado de 8 a 9 nos puntos de frecha, quedando descolgado da competición.

Na categoría feminina, Raquel Brea Touriño, demostrou estar a bo nivel, situándose na cuarta posición trala clasificación. A fase eliminatoria comezaría nas semifinais. O seu primeiro encontro ante Ana Olimpia Tuñon Vazquez do Club Lumelar (Ourense) resolveríase cun rotundo 6 a 0 en puntos de set a favor da ourensá. Pero Raquel recuperouse e no tiro polo bronce non perdoou á súa rival María José González Novo do Arco Ferrol, esta vez confirmando a súa superioridade cun 6-0 nos puntos de set, que lle valería o ansiado metal.

A categoría de veteranos estivo representada por Jorge Galante, que quedou na terceira posición trala clasificación. Nas eliminatorias iniciadas nos oitavos de final conseguiu vencer ao seu rival Jesus Antonio Allo Gómez, do Clube Frechas por un Tubo, por 7 a 3 puntos de set, pero caeu de novo en cuartos ante o seu vello coñecido Juan Dopico do Arco Ferrol por un rotundo 1 a 7 en puntos de set.

Na división de arco composto, destaca a participación de Jorge Álvarez Amor, que conseguiu bater o seu propio récord persoal acadado no primeiro encontro da Liga Galega en Sala celebrado en Valdoviño (A Coruña) o pasado día dez, no que colocou a súa puntuación en 555 puntos. Nesta ocasión conseguiu superar a súa marca en 13 puntos, o que é indicativo da súa boa marcha técnica. Rematou en primeiro lugar, non proclamándose campión galego ao non haber quórum regulamentario.

E como non podía ser doutro xeito, o campión e arqueiro internacional Santiago González Villares revalidou o seu título de Campión Galego e igualou a marca galega, que el mesmo situaba nos 535 puntos no terceiro encontro da Liga Galega en Sala celebrado en Valdoviño (A Coruña).

Aínda que nos encontros eliminatorios non llo puxeron fácil, en cuartos enfrontouse ao arqueiro do lumelar, David Jose Moreno Sanchéz, vencendolle por 6 a 2 puntos de set, pero tivo que poñerse en común en semifinais ante Enrique Busto Domínguez do Arqueiros club do Barbanza nun empate súper apretado, no que un 9 na frecha do shoot off daríalle a vitoria a Santiago.

Xa na final ante Luis Miguel Suárez González del Lumela,r na última entrada, o mariñán conseguiu a vantaxe, rematando 6 a 4 puntos de set o que faría que Santiago fose proclamado unha vez máis Campión Galego.

___________________________________________________________________________________________________________

Exit mobile version