Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo pon como exemplo as Panchas na defensa do comercio local

Ribadeo, 28 de decembro, 2022. O equipo de goberno municipal, apoiado polo BNG de Ribadeo, emprendeu unha campaña de apoio ao comercio de proximidade e aos produtos galegos para animar a todas as galegas e galegos a consumir produtos nosos e mercar no noso comercio. Apostar polo que nós producimos e visitar o noso comercio é unha garantía para o noso tecido produtivo, así como un factor de dinamización e un sinal de identidade da vida económica e social das nosas vilas e cidades. Non se poden entender os nosos centros urbanos e barrios sen a vitalidade que lle proporciona o comercio local. Por iso desde a súa área de Comercio e Desenvolvemento Local, que leva Pablo Vizoso Galdo, puxo en marcha a campaña das “panchas” para fomentar a actividade comercial no noso concello.

O apoio aos produtos galegos podemos e debemos materializalo ao longo de todo o ano. E nestas datas tan especiais debemos reafirmalo. Podemos mercar produtos de Vilaselán, Piñeira ou Ove; Cedofeita, Covelas, Arante, Couxela ou A Devesa; Santalla de Vilaousende, Rinlo ou Vilaframil, ao longo dos sucesivos domingos nos que se desenvolve o “Mercado dos produtos da horta”; e tamén podemos lembrar especialmente nestas datas que temos xentes que traballan no mundo da artesanía, tanto no noso concello como no conxunto da comarca da Mariña e no Eo-Navia; xente que escribe relatos e poesía, que grava CDs ou desenvolve a súa capacidade creativa no mundo das artes plásticas, que elabora agasallos do máis requintado. Que mellor ocasión para mostrarmos con orgullo a nosa capacidade creativa!.

Pero non só de apoio moral, imprescindíbel por outra banda, pode vivir o comercio local. Por iso desde hai xa catro anos, desde a área de Comercio e Desenvolvemento Local, Pablo Vizo Galdo puxo en marcha a edición da nosa propia moeda local: as “panchas”. Ao longo dos meses de outono, e encamiñadas cara as festas de nadal, este apoio económico ao comercio local permite fomentar o consumo dunha maneira decidida. Investimos 85.000€ nunha campaña na que, por cada 10€ que achega o Concello, cada persoa pon do seu peto 30€ para as compras que desexe facer. Isto supón un aforro do 25% e un importante impulso ao consumo no noso comercio. A maiores, incrementouse o límite de “panchas” a adquirir, de 70 a 100€, posibilitando un maior aforro por parte de cada usuario.

Esta campaña das “panchas” está a supoñer un importante retorno económico para o noso Concello. Constatouse tamén durante estes meses que o sistema dixital utilizado para a “pancha” está plenamente integrado e que, dende o ano pasado que se comezou a empregar, mellorouse e axilizáronse moito os pagamentos e os cobros.

Por último, queremos lembrar que quedan aínda unhas 20.000 “panchas” (das que xa están mercadas) por gastar, polo que lles recordamos a aquelas persoas que aínda non as usaron, que teñen até este 31 de decembro para poder pagar as súas compras coa moeda local de Ribadeo.

Exit mobile version