Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG exixe ao vicepresidente Conde responsabilidades políticas polo “trato de favor” á Greenalia como figura na denuncia de ADEGA ante a Fiscalía por presuntos delitos de malversación e prevaricación

Luís Bará reprochou ao conselleiro a súa negativa a responder ás preguntas formuladas polo BNG e falta de transparencia sobre os expedientes dos proxectos eólicos adxudicados no concurso eólico do ano 2010 e non non executados

Santiago de Compostela, 21 de decembro, 2022. Pleno. O deputado do BNG, Luís Bará interpelou ao Vicepresidente 1º e conselleiro de Economía, Francisco Conde sobre “o trato de favor” á empresa Greenalia, na que traballan, grazas ás “portas xiratorias” dous exconselleiros do Partido popular.

Na súa intervención, o deputado preguntou ao titular de Economía polas monetarizacións de 22 parques por valor de 463,3 millóns de euros que as empresas se comprometeron a pagar polos proxectos e que o Goberno galego lles perdoou.

En opinión do nacionalista, o proceder do PP caracterízase polas “falcatruadas e chanchullos” e dende o BNG, recalcou, seguiremos exixindo os expedientes e preguntanto se van a actuar de oficio ou ben se van continuar ocultando esta información á que temos dereito. Queremos saber si van seguir “con esta estafa” para seguir favorecendo aos seus “amigos do lobby eléctrico”.

Bará tamén preguntou “que ten que agochar e a quen protexe o goberno galego” despois de favorecer a empresas con cambios legais, 62 cambios na lei de aproveitamento eólico do ano 2009, e cometer “ilegalidades e vulneración da lei” coa aprobación de parques eólicos como afirma a sentenza do TSXG e o Tribunal Supremo “anulando varios parques” e suspendendo cautelarmente outros.

Vostedes, enfatizou Bará,” asoballaron concellos, persoas e medio rural e natural”, e agora xa traspasaron “todos os límites” cun “trato de favor a empresa Greenalia” na que están sentados dous exconselleiros da Xunta de Galiza a través “das portas xiratorias”.
Por este trato de favor a Greenalia, vostedes, teñen unha denuncia de ADEGA presentada ante a Fiscalía por “presuntos delitos de malversación e prevaricación”.

O nacionalista lembrou que o concurso eólico do ano 2010 anunciado polo Partido popular como o maior Plan Industrial da historia de Galiza cun investimento de 13.600 millóns de euros e máis de 6.000 postos de traballo resultou finalmente “un gran fiasco ” e en dura competencia con PEMEX e con parecidas derivas xudiciais.

Neste concurso, explicou o deputado, a empresa Kaekias Eólica SA resultou adxudicataria de 75 MW para os parques Campelo e Lamas de Feás. Dado que non
se lle concederon os 108 MW solicitados, a empresa renunciou a executar o Plan
Industrial e optou por monetarizalo por 11.721.971 euros, que a empresa debería ingresar no fondo de capital risco SOGIGA do IGAPE en substitución do plan industrial.

No ano 2019, Greenalia solicita substituír o pago dos 11,7 millóns de euros por un plan industrial con varios proxectos por valor de 12,6 millóns de euros nunha operación, a xuízo do deputado “ilegal” e través dun proceso “cheo de irregularidades” e contrario a normativa da adxudicación dos parques do ano 2010. “O goberno renunciou a cobrar 11,7 millóns de euros e perdooulle a Greeanalia esta cantidade”, afirmou Bará.

Para o deputado, todo isto é só “a punta do iceberg” e demostra para quen goberna a Xunta do PP, “para as empresas do lobby eléctrico e para as portas xiratorias”, repetiu.

Luís Bará repreguntou ao conselleiro Conde si está disposto a entregar o expediente da monetarización, se vai revisar de oficio e anular a resolución do 2021 para aprobar un “plan industrial ilegal” e se reclamará a Greenalia os 11,7 millóns de euros que tentaron perdoarlle porque aínda están a tempo, advertiu.

Por outra banda, incidiu en saber se o goberno vai a abrir unha investigación interna para exixir responsabilidades políticas pola gravidade destes feitos denunciados por ADEGA, ante a Fiscalía e o BNG no Parlamento galego.

Dende o BNG, concluíu Bará, exiximos que se cumpra a lei, se defenda o interese público e que as empresas paguen polo que se comprometeron e remate, dunha vez o “trato de favor” ao lobby eléctrico e as empresas amigas.

Exit mobile version