Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista acusa á Xunta de deixar á pesca artesanal fóra das axudas para pesca sustentable

Patricia Otero reclámalle ao goberno galego que modifique os criterios das axudas, a cargo de fondos europeos, coas que na realidade exclúen á maior parte das pequenas embarcacións

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022. Galicia ten preto de 4.000 embarcacións de pesca artesanal, que supoñen o 90 por cento da flota, pero ano tras ano quedan fora das axudas para pesca sustentable que xestiona a Xunta polos criterios discriminatorios que impón o goberno galego. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, presentou hoxe no Parlamento unha proposta para que a Xunta atenda ao sector e mude os criterios, pero foi rexeitada polo PP.

Explicou que o problema radica en que o goberno galego incorpora unha cláusula -no decreto que é publicado cada xaneiro- que relaciona as axudas á media da pesca obtida no porto base, o que de facto bota fora ás pequenas embarcacións, con capturas máis pequenas. Otero lamentou que o PP se negara hoxe a modificar os criterios, mesmo acusando aos propietarios de arrimarse “ao sol que máis quenta” (sic), o que evidencia, dixo, que “quen non lles baila a auga non lles gusta”.

A parlamentaria socialista trasladou hoxe as peticións do propio sector, que pasan por ter en conta os segmentos de flota, os tipos de barco, os caladoiros, o número de embarcacións no porto ou incluso os Permex. Mesmo chegou a sinalar que outras autonomías como Andalucía incorporan dous puntos adicionais para incorporar estas embarcacións, mais nin o PP nin o goberno galego quixeron atender ás propostas.

Fixo un chamado a que “recapaciten” e escoiten ao sector para modificar os criterios, e sinalou que mesmo dando por válidos os datos empregados hoxe polo PP, a pesca artesanal recibe o 31 por cento destas axudas cando, engadiu Patricia Otero, supoñen o 90 por cento da flota galega. Con estas cifras sobre a mesa, a realidade é que a flota queda “moi lonxe” de estar beneficiada polas axudas, con “moitísimas embarcacións fora das axudas.

Patricia Otero acusou ao goberno galego de anunciar que estas axudas poden supor ata o 80 por cento do investimento feito por unha embarcación para adecuala á pesca sustentable, o que na realidade supón un “brinde ao sol” porque coa cláusula incorporada polo goberno galego quedan discriminadas destas axudas. Uns recursos que ademais proceden do Fondo Europeo Marítimo de Pesca, que por certo non di nada de discriminar á pesca artesanal, explicou.

Exit mobile version