Site icon Crónica3.com A Mariña

O ministerio acondiciona a N-640 ao seu paso polo casco urbano da Pontenova

Estes traballos enmárcanse nos labores de conservación que o Goberno efectúa con 10,3 millóns na rede viaria estatal da provincia

A Pontenova, 14 de decembro de 2022. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde da Pontenova, Darío Campos, supervisaron esta mañá o remate das melloras que o Goberno está a levar a cabo en máis dun quilómetro da N-640, ao seu paso polo casco urbano do municipio. A subdelegada explicou que estes traballos, que contan cun investimento de 48.000 euros, consisten no acondicionamento da vía, co fresado, reposición de aglomerado en quente e o repintado da sinalización horizontal e vertical. Concretamente, as obras realízanse entre os puntos quilométricos 36,045 e 37,800.

Isabel Rodríguez destacou que con estas novas actuacións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) “atendemos a unha demanda dos veciños e veciñas da Pontenova, que xa nos trasladara o alcalde, mellorando a seguridade viaria desta estrada tan importante e beneficiando directamente aos habitantes do municipio e aos miles de cidadáns que a empregan a diario, pois comunica a comarca da Mariña e Asturias coa capital da provincia”.

Nesta liña, a subdelegada explicou que o firme presentaba un deterioro debido á gran cantidade de tráfico de vehículos que soporta este tramo, “polo que era necesario actuar canto antes” e enmarcou estes traballos “nos labores de conservación que dende o Goberno estamos efectuando na rede viaria estatal da provincia de Lugo cun investimento de 10,3 millóns de euros”.

En relación con isto, Isabel Rodríguez lembrou o compromiso do Executivo co mantemento e mellora da seguridade viaria da Rede de Estradas do Estado en Lugo, coa partida de 17,7 millóns de euros que recollen os Presupostos Xerais do Estado para o 2023, un 71% máis respecto da deste ano. Nesta partida englóbanse actuacións de mellora de firmes, interseccións, sinalización, balizamento, drenaxe e estruturas, así como os servizos de conservación e explotación ordinaria de estradas.

Ademais, a subdelegada subliñou que con 10,7 millóns do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia levaranse a cabo medidas para a integración das Estradas do Estado en contornos urbanos e actuacións de dixitalización, conservación, explotación e mellora da seguridade viaria.

Neste sentido, Isabel Rodríguez resaltou que a seguridade viaria é prioritaria para o Executivo Central, e por “iso fai un importante esforzo en destinar recursos para manter as estradas estatais en boas condicións”.

Exit mobile version