A subdelegada agradeceu a colaboración dos concellos “pois este programa non sería posible sen a súa implicación” e destacou que a realización de Certificados Dixitais e darse de alta no Sistema Cl@ve son os servizos máis demandados
“Este Goberno traballa para dar ferramentas dixitais á poboación do rural e agora, tamén, para ensinar a aproveitalas nas súas relacións coa administracións”, sinalou a subdelegada quen subliñou a necesidade de estar presentes en toda a provincia, independentemente do seu tamaño, ofrecendo un servizo de proximidade.
Isabel Rodríguez puxo en valor a colaboración dos concellos “pois este programa non sería posible sen a súa implicación” e destacou que a realización de Certificados Dixitais e darse de alta no Sistema Cl@ve son os servizos máis demandados pola cidadanía.
Así mesmo, agradeceu o traballo dos funcionarios e funcionarias públicas da Subdelegación do Goberno en Lugo que dende o pasado 15 de novembro están a percorrer, cos seus equipos tecnolóxicos, os pobos lucenses, para ensinar ás persoas interesadas a relacionarse coa Administración de forma dixital, resolver dúbidas e tramitar, entre outros, o certificado dixital, imprescindible para moitas xestións e que só se pode tramitar na presenza física da persoa que o solicita.
En total, “A Administración Cerca de Ti” pasará por 59 dos 67 concellos da provincia de Lugo. Actualmente, a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de xeito dixital a maior parte das xestións e das comunicacións con seus departamentos. Dende trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos casos só se pode xestionar telematicamente.