Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno aproba as bases do Plan Único 2023, co que a Deputación inxectará 21,5M€ nos concellos

A Deputación fai con este instrumento unha distribución dos recursos públicos entre os 67 concellos da provincia con criterios públicos e obxectivos, como son a superficie, a poboación, o índice de envellecemento e a dispersión territorial

Lugo, 27 de decembro de 2022. O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante no Pleno ordinario deste mes as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos para o vindeiro ano 2023, ao que destina 21,5M€ para desenvolver actuacións en materia de infraestruturas, creación de emprego, Servizo de Axuda no Fogar, actividades, eventos, administración electrónica ou protección civil. Os grupos do PSdeG e o BNG votaron a favor da iniciativa, mentres que o PP se abstivo.

O Presidente, José Tomé Roca, subliñou a importancia de aprobar, por terceiro ano consecutivo, as bases do Plan Único no ano anterior ao seu período de vixencia porque, desta forma, as entidades locais “poden empezar a planificar e tramitar as accións unha vez se publiquen, nos vindeiros días, no Boletín Oficial da Provincia”. Isto permite aos concellos planificar con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poidan poden aproveitar mellor os fondos.

O mandatario provincial destacou que a aprobación deste Plan nestas datas é posible grazas a que o Goberno sacou adiante en tempo e forma o Orzamento da Deputación para o vindeiro ano, de maneira que entrará en vigor a principios de xaneiro.

Pola súa banda, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, incidiu durante a sesión plenaria en que co Plan Único a institución garante “un reparto xusto dos fondos públicos con criterios obxectivos, iguais para todos”, e “respecta plenamente a autonomía municipal”.

A Deputada lembrou as continuas melloras introducidas no Plan Único este mandato para que sexa máis útil para os concellos, como a aprobación das bases no ano anterior o seu período de vixencia, a posibilidade de imputar gastos de obras e contratos de persoal dende principios de ano ou a simplificación dos trámites administrativos, especialmente beneficiosa para as entidades locais máis pequenas, que teñen menos recursos técnicos e de persoal.

Como exemplo do “impacto social e económico” desta ferramenta, a voceira socialista aludiu a que a Deputación inxectou dende o ano 2019 un total de 85,3M€ nos concellos, gracias ós que puideron acometer en torno a 1.500 obras e subministacións, e cos que crearon máis de 1.200 postos de traballo.

Desta forma, destacou, o Plan Único, xunto coas outras medidas de cooperación cos concellos que ofrece a institución, “converteron á Deputación nunha administración esencial para o funcionamento dos concellos”.

A voceira lamentou unha vez máis que as administracións gobernadas polo Partido Popular, como a Xunta de Galicia ou a Deputación de Ourense, sigan sen contar con un plan de distribución dos fondos públicos con criterios obxectivos, porque iso favorecería “a calidade democrática e o desenvolvemento social e económico dun xeito equilibrado”.

Reparto segundo criterios públicos e obxectivos
O Plan Único 2023 da Deputación mantén a súa esencia a través da distribución con criterios públicos e obxectivos dos fondos provinciais entre os 67 concellos da provincia. A poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística, son os criterios de reparto que aplica a institución. Ademais, fixa unha contía máxima de 500.000€ e mínima de 200.000€, coa que se blinda o financiamento dos concellos máis pequenos.

Exit mobile version