Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP cualifica de “auténtico fracaso” a xestión na construción das novas residencias

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala que “acumúlanse retrasos de varios anos na construción de residencias en O Courel, Portomarín, Pobra de Brollón, Ferreira de Pantón, Guitiriz, Cervantes e A Pontenova; hai máis gastos en propaganda que nos propios materiais de construción”

Lugo, 13 de decembro de 2022. A xestión das residencias previstas pola Deputación constitúe un dos grandes fracasos do presidente José Tomé; retrasos e máis gasto en propaganda que en material de obra para construír as que están programadas. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, que di que “a construción das novas residencias da Deputación é un verdadeiro calvario para os concellos e os seus veciños, que ven como en pouco tempo rematará a lexislatura e o único que teñen son os enganos e os incumprimentos do señor Rivera”.

Castiñeira explica: “O retraso anunciado á alcaldesa de O Courel non é un caso illado; ao contrario, é un problema común a moitos concellos da provincia, lamentablemente. Acumúlanse retrasos de varios anos na construción de residencias en concellos como O Courel, Portomarín, Pobra de Brollón, Ferreira de Pantón, Guitiriz, Cervantes e A Pontenova, nos que se debería ter empezado a traballar e a día de hoxe hai máis gastos en propaganda que nos propios materiais de construción”.

Segundo o portavoz popular, “a sensación que teñen os alcaldes é que dende que está Tomé só se abriron as residencias construídas na anterior lexislatura, pero, en relación coas que había que facer nesta, todo son pegas e papeleo interminable”. Engade: “A maioría dos convenios incúmprense e case todos levan varias addendas encima, o que confirma o absoluto descontrol da área do señor Rivera”.

Dende o PP destacan que “outro caso a estudar é o da residencia de Becerreá, acabada hai moitos meses, pero que non entra en funcionamento por cuestións político-persoais entre o señor Tomé e o alcalde Martínez”. É, din os populares, “unha auténtica vergoña a situación nos concellos nos que está prevista a construción de residencias por parte da Deputación de Lugo, que viron como se incumpriron todos os acordos existentes”.

En resumo, Javier Castiñeira considera que “co Plan Único conxelado, coas estradas sen coidar e coas residencias sen construír, a lexislatura de Tomé é un auténtico fracaso, máis aínda cando os orzamentos subiron dende a anterior lexislatura ata esta máis dun 25%”.

Exit mobile version