Os populares din que “cando chega o momento de votar en asuntos relevantes, Tomé opta pola defensa dos intereses de Pedro Sánchez fronte aos intereses da provincia, como xa quedou demostrado nos casos de Alcoa e As Pontes”
Poy sinala: “O que vimos no pleno foi un exercicio de sanchismo por parte dos socialistas e sinaladamente do presidente Tomé. Vimos como está aducido polo modelo Sánchez de gobernanza, é dicir, non lle importa máis que conservar o apoio dos socios que necesita para manterse no goberno”.
O mesmo deputado popular explica: “Na Constitución Española, lei de leis, conságrase a unidade da nación e no Código Penal ata agora recóllese o delito de sedición. Como Pedro Sánchez necesita o apoio de grupos que están contra a unidade da nación, está disposto a suavizarlles o camiño eliminando o delito de sedición; non se trata de harmonizar nada con Europa, trátase única e exclusivamente da defensa dos intereses do propio Pedro Sánchez que non pode perder os apoios que lle permiten seguir gobernando”.
O presidente Tomé debería lembrar que as enquisas demostran que moitos dos socialistas españois están contra a supresión do delito de sedición, di Óscar Poy. Engade: “Cando chega o momento de votar en asuntos relevantes, Tomé opta pola defensa dos intereses de Pedro Sánchez fronte aos intereses da provincia. Xa quedou demostrado nos casos de Alcoa e As Pontes, e de novo volve facelo agora”. Tamén sinala que “é unha pena que Tomé non tome nota da posición que manteñen algúns baróns socialistas, que non dubidan en criticar abertamente algunhas decisións de Pedro Sánchez como esta da supresión do delito de sedición”.