Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo quere crear con Fondos NextGeneration un centro de interpretación no Forte de San Damián

Ribadeo, 27 de decembro de 2022. O Concello ven de pedir unha subvención ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241 co fin de crear un centro de interpretación no Forte de San Damián. Chamarase Ribadeo cara ao mar.

A concelleira de Obras, Mónica Freire, dixo que “dende o Concello de Ribadeo eliximos o forte de San Damián para a instalación dun Centro de Interpretación, pola súa importancia histórica e cultural, declarado en 1949 como BIC (Ben de Interese Cultural). Esta construción, situada na boca da ría a poucos metros do Cargadoiro, é o mellor exemplo da arquitectura militar de Ribadeo”.

A edil ribadense manifestou que “ademais, no ano 2024 faranse 400 anos da súa existencia, unha efeméride que será obxecto de celebración con diferentes actividades por parte do Concello de Ribadeo”.

Freire Rancaño subliñou que “o principal obxectivo deste proxecto é desenvolver e difundir o coñecemento do patrimonio cultural, histórico, natural, inmaterial e arqueolóxico do Concello de Ribadeo vinculado ao mar. Con este fin exporase a materialización dun espazo onde se poña en valor o devandito patrimonio e que, paralelamente, permita asomarnos á valiosa contorna natural e cultural onde se localiza”.

Pilar Otero, a concelleira de Cultura, indicou que “preténdese concienciar aos habitantes do municipio e a todo aquel que visite o centro de que protexer, conservar e valorar a importancia do noso patrimonio e paisaxe cultural é algo vital para ser capaces de transmitir o legado dos nosos antepasados ás xeracións vindeiras. O proxecto ten unha clara vertente cultural e educacional, xa que estamos convencidas de que este centro de interpretación contribuirá a fomentar o interese local polo patrimonio, facendo partícipes da súa singularidade patrimonial a todas as persoas, sen distinción de idade ou nivel formativo”.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “a partir da nosa proposta patrimonial buscaremos contribuír ao desenvolvemento económico da zona mediante a potente industria cultural, impulsando novas propostas de atractivos turísticos que poidan incrementar a visita potencial de persoas procedentes doutros lugares e que reverta economicamente, de maneira indirecta, nos comercios locais. Para iso, promoveremos a elaboración de programas culturais de colaboración entre os comerciantes e os hostaleiros do municipio para a súa participación en actividades propias deste centro”.

Vizoso Galdo engadiu que “con esta proposta pretendemos ser a semente doutros moitos proxectos sociais e turísticos futuros. Os nosos obxectivos sempre van encamiñados a que sexa un espazo sostible social e economicamente, xa que procuraremos que este proxecto teña continuidade no tempo”.

Pilar Otero explicou os eixos deste proxecto: “tres eixos centrais vertebrarán o centro de interpretación Ribadeo cara o mar, sendo cada un deles o protagonista dunha sala. A Sala 1: Patrimonio Subacuático Ribadeo, A Atapuerca Galega; A Sala 2: Ribadeo Ilustrado, as sendas do pasado comercial; e a Sala 3: Ribadeo Indiano, Alén do tempo. Outro dos eixos expositivos principais é o que xira entorno ás tarefas vinculadas ao mar”.

O edil de Turismo indicou que “con este centro de interpretación materializamos, unha vez máis, a forma de traballar e as liñas estratéxicas que durante tanto tempo seguiu firmemente este goberno, tendo claro a nosa esencia, aquilo que nos diferenza e nos fai únicos, mais tamén o noso público obxectivo, un turismo de calidade concienciado co patrimonio natural e cultural, respectuoso coa idiosincrasia de cada pobo, sendo este proxecto un paso máis cara a un turismo sostible”.

Ata o Forte de San Damián se desprazaron os concelleiros de Cultura, Obras, Turismo e Medio Ambiente, Pilar Otero, Mónica Freire, Pablo Vizoso e Jorge Díaz.

Exit mobile version