Site icon Crónica3.com A Mariña

A frecuente presenza de xabaríns preocupa ao alcalde de Ribadeo

Ribadeo, 5 de xaneiro de 2023. O alcalde, Fernando Suárez, amosa a súa preocupación pola frecuente presenza de xabarís tanto nos arredores da vila como en parroquias costeiras moi urbanizadas como Vilaselán. E dirixe un escrito á Consellería de Medio Ambiente en demanda de medidas para conter a poboación desta especie animal e ao Ministerio de Fomento para que arranxe as mallas metálicas que bordean a A-8 e así evitar que os porcos bravos poidan ocasionar accidentes de tráfico.

O rexedor lembrou que “nestes últimos anos, e especialmente nestes últimos tempos, estamos asistindo a unha presenza sistemática e habitual dos xabarís en contornas urbanas ou semiurbanas. Hai unha clara evidencia do notable incremento da poboación destes animais. Hai varios factores que están detrás deste aumento: pola rotura da cadea trófica e que apenas teñen depredadores, polo abandono que sofre o noso medio rural, etc. Tamén, existen evidencias que responden a cambios nos patróns de conduta destes porcos bravos ao ver que van conseguindo alimento de xeito doado cada vez mais preto dos núcleos urbanos e sen que lles teña consecuencia algunha”.

Suárez Barcia contou que “é frecuente ver na nosa vila, nos arredores da mesma, e incluso en parroquias costeiras e moi urbanizadas como Vilaselán numerosos avistamentos de xabarís, sos ou en manada, e cada vez máis en períodos diúrnos de actividade humana. Tamén vemos con preocupación os accidentes que ten habido nas estradas, especialmente na Autovía do Cantábrico, precisamente por atravesaren os valados de malla metálica e introducírense nos carrís de circulación de vehículos”.

O alcalde dixo: “sabemos pois, que non hai solución simple a este problema que xa non é so destas latitudes, pero que tampouco podemos deixar de obviar. Desde un Concello coma o noso non temos competencias directas para poder actuar sobre esta problemática aínda que si podemos contribuír a coordinar esforzos para tentar controlar esta situación”.

Fernando Suárez explicou que “en primeiro lugar, queremos dirixirnos ao Ministerio de Fomento, titular da Autovía do Cantábrico, para que proceda coa maior dilixencia ao arranxo sistemático e integral de todos os peches de malla metálica que bordea a Autovía A-8, a fin de evitar que os animais salvaxes sigan a entrar e poidan seguir provocando accidentes. E en segundo lugar, queremos dirixirnos igualmente á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para que, aínda tendo en conta as problemáticas que supón actuar en áreas humanizadas como son os lugares urbanos ou periurbanos descritos, adopte cantos métodos de caza ou apreixamento poida despregar para lograr conter a esta poboación de xabarís no noso concello”.

Exit mobile version