Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta enxalza o compromiso da Fundación Expomar a prol da competitividade da pesca galega

A conselleira do Mar participou na presentación da XIX Feira Monográfica Náutico-Pesqueira Expomar 2023, que se celebrará en Burela entre o 10 e o 13 de maio, das XXX Xornadas Técnicas e do XXIV Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras

Madrid, 19 de xaneiro de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor hoxe en Madrid o esforzo e o compromiso da Fundación Expomar a prol da competitividade do sector marítimo-pesqueiro. Así o destacou durante a presentación da XIX Feira Monográfica Náutico-Pesqueira Expomar 2023, das XXX Xornadas Técnicas e do XXIV Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que se celebrarán en Burela e que organiza esta fundación.

A posta de longo destes eventos coincide no tempo coa Feira Internacional de Turismo (Fitur), o que representa un momento axeitado e unha oportunidade máis para difundir o mar de Galicia e de Burela en particular. Nesta liña, a titular de Mar sinalou que, grazas ás iniciativas que organiza a Fundación Expomar en Burela, Galicia é punto de encontro referente en toda a cornixa cantábrica e norte de Portugal.

En relación coa feira, que se celebrará entre o 10 e o 13 de maio, a conselleira do Mar destacou a súa importante traxectoria e que grazas a ela converxen na comunidade galega centos de expositores coas últimas innovacións e tecnoloxías do ámbito marítimo-pesqueiro. De feito, nesta edición prevese superar os 5.000 metros cadrados de espazo expositivo entre o interior da nave de redes e unha carpa anexa ao porto.

Como actividade complementaria á feira, naceu o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras que reúne ás entidades máis representativas do sector pesqueiro a nivel nacional. Unha iniciativa, subliñou a titular de Mar, que xa goza de entidade propia e que é clave no debate sobre a actualidade e os retos de futuro da frota. Neste ámbito tamén son de gran valor as Xornadas Técnicas pola transcendencia das persoas que interveñen e polos temas que se abordan neste evento.

Exit mobile version