Site icon Crónica3.com A Mariña

Administracións, institucións e sector arroupan a Expomar na súa presentación en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid acolleu este xoves a presentación oficial da próxima Feira Expomar, que se celebrará na nave de redes do porto de Burela do 10 ao 13 de maio

Madrid, 20 de xaneiro, 2023. A XIX edición da feira náutico-pesqueira Expomar 2023 presentouse oficialmente este xoves nun acto institucional que tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid. O obxectivo deste evento era aproveitar o marco da feira internacional de turismo Fitur e dar así maior relevancia ao alcance global de Expomar dentro dos sectores da pesca e a industria naval.

No acto interviron, ademais do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano; e do presidente da Casa de Galicia, Juan Serrano; a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana; a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; e Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela. O acto foi conducido polo xerente da Fundación Expomar, José M. González Brais.

Entre os asistentes atopábanse diferentes personalidades do sector pesqueiro e político galego e nacional, como Benito Núñez, director xeral da Marina Mercante; Ignacio Gandarias, director xeral de Ordenación Pesqueira; Isabel Artime, directora xeral de Pesca Sostible; Antón Costa, presidente do Consello Económico e Social de España; Elena Martínez, directora do ISM; Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo; os senadores César Mogo e Amaya Landín, e os diputados Ana Prieto e Javier Cerqueiro.

En representación do patronato da Fundación Expomar e de outras entidades locais tamén asistiron, entre outros, Miguel Neira e Sergio López, de Armadores de Burela e a OPP-7 Porto de Burela; Ramiro Fernández, tenente alcalde do Concello de Burela; Marcelino Luna, presidente da Fundación Indecum; e a actriz burelesa Rosalía Quelle.

Ao finalizar a presentación, á que asistiron unhas 100 persoas, celebrouse unha degustación gastronómica de “Peixe de Burela” con produtos pesqueiros da lonxa de Burela, patrocinada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia en colaboración con Armadores de Burela e a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.

As principais frotas do porto de Burela estaban representadas nas diferentes receitas elaboradas con pescada do pincho, bonito do norte, cabala, peixe espada e polbo: Empanada de peixe espada con verduriñas de produción ecolóxica; Tataki de bonito de burela con sésamo negro; Bocadillo de xarda afumada con escabeche de cítricos; Espeto de pescada do pincho de Burela á galega; Pescada do pincho de Burela lañada sobre tosta co seu caldo; Cazoliña de faba de Lourenzá con polbo.

A FEIRA EXPOMAR 2023

A próxima edición da feria monográfica náutico-pesqueira Expomar celebrarase entre o mércores 10 e o sábado 13 de maio de 2023. A feira volverá servir de excelente plataforma comercial para as principales firmas, fabricantes e administracións vinculadas ao sector pesqueiro. O programa de actividades aínda non está pechado, xa que desde a Fundación Expomar séguense buscando novos contenidos e actividades paralelas que sumar á tradicional oferta deste certame.

O obxectivo de Expomar 2023 é igualar e incluso superar a cifra de negocio xerada por expositores e visitantes profesionais durante a última feira, acadando os 135 stands de expositores e máis de 350 marcas de diferentes países representadas.

Debido á alta demanda de expositores, a Fundación Expomar aumentará a superficie de exposición da feira en máis de 1.200 metros cadrados con respeto á última edición, superando os 5.000 metros entre o interior da nave de redes e unha carpa anexa no porto de Burela.
De forma paralela á feira seguirán levándose a cabo unha serie de actividades, como as Xornadas Técnicas ou o Encontro Empresarial, que ofrecen un valor engadido de interese para os profesionais e todas aquelas persoas vinculadas co mundo do mar e a pesca. Tamén se está valorando coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia a posibilidade de celebrar, como xa sucedera en 2019, algún acto institucional do sector nas datas en torno á celebración da feira.

Exit mobile version