Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicado o acondicionamento dos exteriores do centro de Aspanane

Viveiro, 12 de xaneiro. O Concello de Viveiro celebrou onte, 12 de xaneiro, tres mesas de contratación nas que se acordou a proposta de adxudicación de varias obras importantes para o municipio.

A primeira delas é a pavimentación e drenaxe de exteriores do Centro Ocupacional de Aspanane que contan cun orzamento de 49.242 €, que consistirán no acondicionamento do recinto exterior pechado do centro ocupacional. Esta infraestrutura empregarase como patio exterior para o desfrute dos usuarios do centro, o que supón un importante avance para a axenda de actividades da entidade.

Entre as actuacións a levar a cabo inclúese a ampliación da zona asfaltada e o mantemento dunha extensa zona verde na que se plantará céspede e varias árbores. Tamén se dotará ao espazo exterior dunha capa de drenaxe con zahorra e un drenaxe perimetral do edificio para evitar a entrada de auga ao interior por infiltración.

“Estas melloras do Centro Ocupacional responden ás necesidades da asociación e dan un paso máis no compromiso de máxima colaboración e axuda con Aspanane”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro que engade: “Grazas ao convenio que alcanzamos coa Deputación continuamos coa nosa vontade de dar resposta a todas as necesidades dos usuarios e usuarias de Aspanane, coa que o goberno local colabora dende sempre e á que recoñece o importante labor que desempeña”.

Outra das obras que se acometerá será o acondicionamento e mellora da pista do Ponte FEVE ata A Casería e do ramal na parroquia de Covas.

No zona das Pallaregas, o concello vai levar a cabo unha serie de actuacións que contan cun orzamento segundo proxecto de 129.882,11 €. Nelas están incluídas as obras de acondicionamento e mellora da pista principal, dende a Ponte de Feve ata a Casería, e tamén no ramal denominado Pista de Vilar-O Rego, que dá acceso ás vivendas de Porta Leira.

Por outra banda, realizarase a reposición de firme nos viais situados no lugar de Paraíso, unha obra que conta cun orzamento, segundo proxecto, de 107.522,63 €. Nesta acometida están incluídos os arranxos doutros catro viais da zona.

Para a execución destas actuacións, o Concello de Viveiro asinou un Convenio coa Deputación Provincial de Lugo incluídas no Plan Único do 2022.

Exit mobile version