Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias afirma que as deficientes infraestruturas estatais “frean o progreso da provincia

O delegado territorial contrapón os avances do Goberno galego na VAP da Costa Norte coa parálise absoluta do Goberno do Estado na autovía A-74, que debería vertebrar a Mariña

Lugo, 24 de xaneiro de 2023. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, afirmou hoxe que o lamentable estado das infraestruturas estatais “frean o progreso económico e social da provincia de Lugo”. Arias opina que o derrubamento ocorrido na estrada N-642 en Burela “completa o panorama ruinoso dunhas comunicacións impropias deste século e deste país”.

O delegado destacou que a Xunta puxo en marcha nos últimos anos o treito Celeiro-San Cibrao da Vía de Altas Prestacións (VAP) Costa Norte, cun investimento de 50 millóns de euros, ademais da Variante de Ortigueira, que supuxo un investimento de 50 M€ máis, e sigue avanzando nesta vía de altas prestacións que comunica Ferrolterra e Ortegal coa Mariña. “Tal e como se acordou cos concellos, trabállase agora nos extremos, para o que se consignan 8 millóns de euros nos orzamentos do 2023 e comprométense 30 millóns para os próximos exercicios”, afirmou.

O delegado lembrou que esta obra necesita complementarse co tramo de titularidade estatal entre San Cibrao e Barreiros, no que está previsto unha autovía, a A-74, “totalmente desaparecida dos Orzamentos Xerais do Estado, que só recollen 500.000 euros no 2023 e nada para os vindeiros anos, porque posiblemente nin confían en executar esta partida”.

O acontecido na N-642 evidencia, en palabras de Javier Arias, “a pésima conservación das estradas estatais e o nulo interese do Goberno central por Lugo en xeral”. Neste sentido -engade Arias-, sete meses despois do afundimento do viaduto da A-6 en Pedrafita do Cebreiro non hai visos de reconstrución; os constantes atrasos na A-54 mantéñennos como a única provincia sen conexión directa por autovía coa capital, e no sur da provincia seguimos agardando pola autovía A-56 que debería conectarnos con Ourense, e pola A-76 a Ponferrada.

A isto súmanse o moi deficiente estado do firme da N-120, entre Ponferrada e Monforte de Lemos, da N-540 entre Lugo e Ourense, ou da N-VI ao seu paso pola capital, así como da propia A-6, entre outras moitas; tamén os cortes constantes da A-8 no alto do Fiouco, para os que non acaban de verse solucións, ou o deterioro do pavimento que xa se aprecia nalgúns puntos pola falta de mantemento, “problemas que entorpecen as nosas comunicacións, porque as estradas son a única posibilidade de conexión nunha provincia onde o ferrocarril é case inexistente”, lamenta o delegado.

Fronte a esta situación, Arias explicou que a Xunta destina máis 8 millóns de euros anuais á conservación ordinaria das estradas autonómicas na provincia de Lugo, á marxe dos proxectos de rehabilitación e mellora que se executan cada ano.

Exit mobile version