Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias anima en Fitur a “desfrutar do mellor da Galicia interior no xeodestino Ancares-Terras de Burón, un territorio vivo e con moito futuro”

Madrid, 19 de xaneiro de 2023. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, animou hoxe en Fitur a “desfrutar do mellor da Galicia interior no xeodestino Ancares-Terras de Burón, un territorio vivo e con moito futuro”.

Arias interviu na presentación da campaña Ecoturismo na Montaña de Lugo, centrada neste xeodestino, que organizou no expositor de Galicia o GDR Montes e Vales Orientais. “A natureza e a paisaxe abandeiran a oferta turística desta zona, con grande potencial para crecer como un referente do ecoturismo de calidade, sostible e responsable co coidado do inmenso patrimonio natural e cultural que atesoura”, apuntou.

O delegado puxo en valor a importancia dos xeodestinos como símbolos da unión entre concellos para potenciar o turismo, un labor no que contan co impulso da Xunta, que achegou 30.000 euros ao GDR Montes e Vales Orientais a través dun convenio de colaboración para desenvolver produtos e accións promocionais arredor deste destino.

“O Goberno galego aposta por todas aquelas iniciativas que contribúen a enxalzar os valores diferenciais deste singular territorio”, incidiu Arias. No caso do convenio coa asociación de desenvolvemento rural, o financiamento vai destinado á creación e consolidación de produtos e experiencias turísticas como a de Cociña dos Ancares-Terras de Burón ou a rede de Micropaisaxes.

Exit mobile version