Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan os seráns de teatro en Ribadeo, unha iniciativa das asociacións de veciños e de todas as parroquias co apoio da Xunta

Nas próximas semanas colaborarase para ter xornadas de teatro en diferentes parroquias e así ampliar a oferta cultural

Ribadeo, 21 de xaneiro de 2023. O voceiro do grupo municipal popular de Ribadeo, Dani Vega, explica que “comezan os seráns de teatro, unha iniciativa das asociacións de veciños e de todas as parroquias” e que está financiada pola Xunta de Galicia. Desde o grupo municipal destacan que recolleron a proposta e xestionaron o orzamento que se precisaba para poder facer estas xornadas de teatro tan atractivas para os veciños.

O popular explica que “estamos agora mesmo nunha liña de traballo para dinamizar a actividade cultura nas parroquias, sempre en colaboración cos veciños e as asociacións e así desestacionalizar a oferta cultural”. Neste sentido, Dani Vega explica que “esta oferta non debe existir só nos meses de verán, senón tamén nestes meses máis fríos e parados”.

SERÁNS DE TEATRO

Estas xornadas de teatro comezaron o pasado domingo 15 de xaneiro en Vilaframil coa presentación dunha obra de teatro a cargo do grupo Adala de Fazedouro baixo o nome “Que vivan os noivos”. Dani Vega di: “foi algo marabilloso de ver a escola chea de xente e de calor humano entorno a unha obra de teatro preciosa”. Ademais, trasladoulles á compañía de teatro e á asociación de veciños os seus agradecementos “polo esforzo e o traballo tan duro que fixeron para facer posibles estas xornadas.

PRÓXIMAS DATAS

Vega destacou que “queremos achegar ás rúas actitvidade cultural e podemos avanzar unhas datas para presenciar estas obras de teatro”. O sábado 27 de xaneiro en Vilela na escola infantil ás 19:00 h. O domingo 28 de xaneiro en Couxela no teleclube ás 18:00 h., e o domingo 12 de febreiro en Arante no teleclube ás 18 h. No Círculo Habanero o día 26 de febreiro ás 18 horas e o sábado 11 de marzo ás 19 horas en Anzas. “Pouco a pouco iremos presentando máis datas nas parroquias pois aínda temos que rematar de acordar e pechar novas datas coas asociacións de veciños”, engade Vega.

Exit mobile version