Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron os traballos de mellora da rúa Mar Cantábrico, en Burela, cun investimento de 120.000€

Burela, 16 de xaneiro de 2023. Comezaron os traballos de mellora da rúa Mar Cantábrico, en Burela, que suporán un investimento de 120.000 euros. O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, agardan que rematen nun prazo de tres meses.

O edil burelés contou que “a semana pasada deron comezo unhas obras que facía tempo que tíñamos adxudicadas e estábamos esperando a que empezaran: a renovación de servizos e pavimento na rúa Mar Cantábrico, na zona do Río”.

Fernández Rey dixo que “esa rúa estábanos dando bastantes problemas tanto na súa rede de subministro de auga como no saneamento, polo tanto decidimos facer un investimento importante, que supera os 120.000 euros, para renovar totalmente a capa de rodadura, que tamén estaba en bastante malas condicións; levantar e picar as beirarrúas para facelas un pouquiño máis anchas, neste afán que temos por intentar humanizar máis todas as rúas de Burela e facer que sexan máis atractivas para os peóns, que sexan máis para os peóns que para os coches e o máis accesibles posible”.

O concelleiro de Obras explicou que “tamén aproveitamos, como en case todas estas obras que facemos, para renovar a rede de saneamento, crear unha nova rede de pluviais e tamén mellorar tanto a canalización de alumeado como de abastecemento de auga. Ademais para facer esa rúa máis atractiva vamos anchear as beirarrúas e colocar novo mobiliario urbano, o que esperamos que sexa do agrado de todos os veciños e as veciñas de Burela, pero especialmente dos que viven nesta zona. Eu penso que se lle vai dar un valor engadido a esa rúa e esperamos que sirva para o disfrute de todos os burelenses, seguindo a mesma liña desde que estamos no goberno: intentar humanizar e facer máis atractivo o noso pobo”.

Ramiro Fernández engadiu: “a rúa do Río é unha zona comercial e na que viven moitos veciños e veciñas. Entendemos que era unha obra necesaria e esperemos que nun prazo de 3 meses estea lista”.

Exit mobile version