Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez reclámalle a Portos de Galicia un plan especial de ordenación portuaria para Ribadeo

Ribadeo, 30 de xaneiro de 2023. O alcalde, Fernando Suárez, agradece a visita da presidenta de Portos de Galicia hoxe á vila, ocasión que aproveitou para reclamarlle que Ribadeo dispoña dun plan especial de ordenación portuaria, que se instalen puntos de luz no vieiro autonómico de baixada ao porto comercial así como a modernización da rúa Buenos Aires, que tamén é titularidade de Portos de Galicia.

O rexedor dixo: “agradecemos a visita da presidenta de Portos de Galicia, que veu hoxe a Ribadeo a contarnos novidades sobre algúns aspectos relevantes do que vai ser a dragaxe da canle de entrada ao porto comercial e tamén ao porto deportivo”.

Suárez Barcia explicou que “aproveitando esta visita reiterámoslle o que formal e informalmente lle levamos dito, tanto a esta presidenta como ao anterior presidente anos atrás: que é necesario que Ribadeo dispoña dun plan especial de ordenación portuaria.

Hai que ter en conta que en Ribadeo afortunadamente contamos cun plan xeral de ordenación municipal, tramitado polo Concello e aprobado xa no 2015; contamos cun plan especial do conxunto histórico do casco vello de Ribadeo, tramitado polo Concello e aprobado hai 2 anos, pero non hai un plan especial de ordenación portuaria, que debe ser tramitado por Portos de Galicia en conxunción co Concello, pero debe ser impulsado por eles, e desde hai varios anos vemos que a documentación non nos chega, o que é unha pena porque mentres tanto isto non estea aprobado determinadas accións no ámbito portuario, tanto en Mirasol como en Porcillán, non se poden levar adiante. É unha magoa porque Ribadeo conta con todos os instrumentos de planeamento, aprobados e vixentes, menos este plan de ordenación portuaria. Así que pedímoslle unha vez máis que axilicen porque poucos concellos teñen todos os instrumentos aprobados e é unha pena que isto non vaia adiante”.

O alcalde ribadense tamén lle fixo chegar outras demandas á presidenta de Portos de Galicia: “por outra banda, no que ten que ver coa baixada ao porto comercial, este vial autonómico non ten luz, o que é unha demanda de moitos veciños que transitan por alí de noite e faise perigoso; por iso pedímoslles que incorporen unha serie de puntos de luz. Tamén lles solicitamos que procedan a modernizar a rúa Buenos Aires, que tamén é titularidade de Portos de Galicia, non do Concello de Ribadeo; polo tanto conviña, igual que viñemos facendo nosoutros no ámbito urbano nestes últimos anos mellorando e humanizando as rúas, que nesta, que é de Portos de Galicia, tamén se aplicaran o conto e intentaran darlle un cambio substancial; de seguro que os veciños e veciñas dese entorno o ían agradecer moito”.

Acompañaron a Fernando Suárez esta mañá a concelleira de Obras, Mónica Freire, e o edil de Economía e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.

Exit mobile version