Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez destaca o éxito das actividades do Plan Director de Convivencia e Seguridade do Goberno con case 11.000 asistentes en 100 centros educativos da provincia

Impartíronse nos centros da provincia un total de 324 conferencias relacionadas coa ciberseguridade, acoso escolar, adiccións, violencia de xénero ou prevención de incendios forestais, entre outras

O Incio, 24 de xaneiro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe no Incio o éxito de participación do “Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e ás súas contornas” da provincia de Lugo, con case 11.000 asistentes en máis de 330 actividades durante o ano 2022. “Estes datos demostran o impacto que está a ter na comunidade escolar estas actividades e a demanda que existe para concienciar e contribuír á formación en idades temperás sobre valores tan importantes como o respecto e a igualdade, erradicando calquera tipo de violencia nas aulas”, apuntou Rodríguez.

A subdelegada participou esta mañá nunha charla sobre os riscos das novas tecnoloxías impartida pola Garda Civil ao alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria do CEIP Ricardo Gasset, no Concello do Incio, un dos 100 centros que colaboran no Plan Director do Ministerio de Interior. Alí, acompañada do alcalde, Héctor Corujo; e da responsable do CEIP, Alba Vázquez; explicou que o obxectivo das actuacións programadas é responder a cuestións sobre seguridade que expoñen os escolares, profesorado e familias, adaptando as formacións ás necesidades de cada centro, “atendendo a situacións reais que viven os mozos e mozas no seu día a día para protexelos e axudalos”.

Deste xeito, o ano pasado impartíronse un total de 324 conferencias en centros da provincia de Lugo, das que 95 estiveron relacionadas cos riscos das novas tecnoloxías e a ciberseguridade, o que representa un 29% do total; 77 abordaron o problema do acoso escolar e o ciberacoso; 68 sesións estiveron dirixidas ás adiccións de alcohol e drogas; 44 charlas foron sobre violencia de xénero; 13 actividades versaron sobre o racismo, xenofobia e delitos de odio; e outras 27, encamiñadas á seguridade viaria, prevención de incendios forestais e orientación laboral. Así mesmo, realizáronse 13 exhibicións de medios policiais.

A subdelegada do Goberno lembrou que, aínda que se recomenda programar as charlas no primeiro trimestre de curso, os centros poden solicitar participar no Plan Director en calquera momento do ano. Ata hoxe, e desde o comezo do curso, leváronse a cabo 107 actuacións dentro deste Plan e hai solicitadas outras 200 actividades.

Neste senso, Isabel Rodríguez felicitou ás Forzas e Corpos de Seguridade polo importante labor de información e sensibilización que desempeñan entre a comunidade escolar con estas actividades e, ao mesmo tempo, agradeceu aos centros e familias o apoio a este plan “para previr, detectar e solucionar de forma rápida e eficaz os posibles problemas que poidan acontecer no ámbito educativo”.

Exit mobile version