Site icon Crónica3.com A Mariña

José Miñones celebra en Castroverde a suba histórica das pensións coa que o Goberno blinda o poder adquisitivo dos máis de 770.000 perceptores en Galicia

O Goberno destina 11.000 millóns de euros a abonar a nómina das pensións en Galicia, o equivalente a todo o orzamento da Xunta

A Coruña, 26 de xaneiro de 2023. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, celebrou esta mañá en Castroverde a suba histórica das pensións coa que o Goberno blinda o poder adquisitivo das preto de 700.000 persoas que pericben máis de 770.000 pensións en Galicia, e que comezou a aplicarse este mesmo mes. O delegado fixo balance do impacto da revalorización do 8,5% durante unha visita á residencia de maiores o Castro, que xestiona a Deputación de Lugo, onde estivo acompañado polo presidente provincial, José Tomé; o alcalde, José María Arias; e a subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez.

José Miñones incidiu en que os actuais Orzamentos do Goberno de Pedro Sánchez son “os máis sociais da historia” e valorou que “entran de cheo nas vidas das familias, en cada casa de cada galego e de cada galega, para protexer o poder adquisitivo dos nosos maiores”. Precisou ademais que a nómina das pensións que o Estado abona en Galicia ascende a 11.000 millóns de euros (mil millóns máis que o ano pasado), unha cifra equivalente a todo o orzamento da Xunta.

O delegado felicitou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e resaltou a aposta do Goberno provincial polas políticas sociais, cunha rede de 9 residencias xestionadas pola institución provincial que están en pequenos concellos do rural. Valorou ademais que por primeira vez a pensión media en Galicia sube por riba dos mil euros, mentres que no caso da xubilación a media está en 1.161 euros mensuais. “Coa actualización do 8,5%, un pensionista medio galego cobrará uns 1.300 euros máis ao ano. Na práctica esta subida supón unha paga extra adicional. É como cobrar 15 pagas en vez de 14”, expuxo.

José Miñónes valorou o calado social da suba das pensións decidida polo Goberno de Pedro Sánchez, en contraste coa política de conxelación do Executivo anterior. “Dende a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno en 2018, a revalorización das pensións en Galicia supera o 25%. Un xubilado medio en Galicia cobra hoxe 233 euros máis cada mes”.

Nese sentido, o delegado concluíu que “a reforma das pensións do PP condenaba galegos e galegas que viven dunha pensión a unha brutal perda de poder adquisitivo, cunha miserenta suba do 0,25%”. Con tal subida, un xubilado medio galego tería este mes un incremento de tan só 3,5 euros na súa paga, mentres co Goberno actual está a cobrar 90 euros máis.

En relación á provincia de Lugo, o delegado destacou que son preto de 114.000 as persoas que se benefician da suba das pensións. De media, cada xubilado lugués cobrará este ano 87 euros máis ao mes que o ano pasado.

En consecuencia, afirmou que Pedro Sánchez é o mellor presidente para Galicia porque aumenta os dereitos, sobe as pensións e os salarios dos traballadores públicos, aproba axudas para as familias e incrementa as bolsas de estudos.

Ademais, a suba das pensións faise compatible coa sostibilidade do sistema, xa que por primeira vez en 13 anos o Goberno volve ingresar recursos na hucha das pensións para garantir as pensións do futuro. “Unha hucha que foi esquilmada polo Goberno do PP pasando de 65.000 millóns en 2011, aos 2.000 millóns de 2018. Agora volverá a ter un ingreso, despois de dez anos, de preto de 2.000 millóns”, manifestou o delegado.

José Miñones engadiu que á histórica suba do 8,5% das pensións contributivas, súmanse o incremento do Ingreso Mínimo Vital e as pensións non contributivas, que aumentan un 15%, protexendo tamén aos máis vulnerables. E avanzou: “Seguiremos dignificando as pensións e o salario mínimo interprofesional, recuperando a dignidade dos empregos e protexendo á xente como podemos comprobar hoxe aquí en Castroverde”.

Exit mobile version